O Concello de Vilalba presenta a súa programación con motivo do 25N, o Día Internacional contra a Violencia Machista. “Haberá actividades para todas as idades, pero queremos implicar especialmente á comunidade educativa, traballando cos nenos, nenas e a mocidade en temas como a igualdade, a educación sexual e os modelos de masculinidade e feminidade”, sostén a alcaldesa, Marta Rouco.
O venres 24 , ás 12.00 horas, lerase un manifesto diante do concello e os nenos e nenas dos colexios de Vilalba formarán un lazo xigante e un cartaz xigante en contra das violencias machistas. Pola tarde, ás 19.30 horas, a praza de Santa María acollerá ‘As voces da conciencia’, unha obra coral entre mulleres contra a violencia machista; un espectáculo de Margarida Mariño e Laura Iturralde. no caso de choiva trasladarase ao auditorio municipal.
Ademais, editouse un pequeno libro, ‘En Vilalba falamos de sexo’, co que a técnica de Igualdade municipal vai traballar ao longo desta semana e a semana que vén nos colexios e os institutos sobre educación sexual e os modelos de masculinidade e feminidade. Este libro está destinado para o alumnado de 5º e 6º de Primaria, ESO e ciclo medio de FP.