Concello de Ribadeo e Torre

Acisa reclama un aumento da vixilancia que poña fin a oleada de roubos en Ribadeo

Acisa Ribadeo reclama un aumento da vixilancia e da seguridade nocturna tras os últimos roubos e intentos de roubo que se produciron nalgúns locais hostaleiros da localidade. Desde a patronal ribadense reclaman a todas as administracións competentes o aumento de seguridade en Ribadeo: “consideramos que a situación xa é insustentable, hai xornadas nas que se producen dúas ou tres roubos na mesma noite ou en noites consecutivas en locais de hostalería, causando non só perdas pola subtracción de diñeiro, produtos, etc… senón polas desfeitas de que son obxecto os locais”.
A directiva de ACISA sinala que “cando un hostaleiro ou comerciante sofre un roubo está a sufrir dous tipos de danos o material e o inmaterial, a parte material relativa aos danos producidos no local, rompendo lúas, portas, caixas rexistradoras, mobiliario…. O inmaterial obedece á impotencia de que che rouben aquilo polo que traballas día a día, a falta de seguridade ao pechar a porta de noite e non saber se ao día seguinte volveranche a roubar e ademais deben enfrontarse aos problemas que as aseguradoras adoitan poñer á hora de cubrir estes sinistros”.
Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo indican que “últimos roubos que se produciron valóranse as perdas ocasionadas entre 3.000 e 6.000 euros. Estas cifras para calquera hostaleiro ou comerciante son un dano moi grave para a súa actividade, do que tardarán un tempo en recuperarse. Cando a situación económica xa é complicada de seu, un golpe deste tipo é algo que pode facer pechar algún negocio”. E engaden: “sabemos que non é fácil, sabemos que é imposible poñer a un policía ou garda civil na porta de cada bar durante a noite, pero estamos seguros de que as forzas de seguridade e as administracións teñen recursos aínda para evitar esta onda de roubos e actos vandálicos que veñen producindo nos últimos días en Ribadeo”.
Desde a asociación de comerciantes ribadense solicitan que “se poñan solucións canto antes para evitar ou minimizar esta situación tan prexudicial que está a afectar especialmente á hostalería. Desde ACISA e tras consultar entre moitos dos afectados e dos socios, cremos que máis presenza das forzas de seguridade en número de efectivos, así como no tempo de patrulla rueira, especialmente nocturna, podería ser unha solución. Pedimos que sexa cal for a administración competente, o goberno central, a Xunta, o goberno municipal, que todos eles poñan máis medios materiais e persoais para poñer fin a esta situación tan grave”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com