Activado o operativo especial que controlará o acceso ás Catedrais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda activou esta mañá o operativo especial que se encargará de controlar o acceso á praia das Catedrais durante toda a Semana Santa, un dos períodos do ano nos que as visitas ao monumento natural están restrinxidas a un límite máximo diario de persoas e sempre mediante a solicitude dunha autorización previa.

O dispositivo despregado este ano pola Xunta estará formado por tres guías que se encargarán de solicitar e comprobar as autorizacións dos visitantes nos accesos ao areal, tres traballadores que permanecerán na zona do aparcamento supervisando o acceso dos vehículos e dúas educadoras ambientais que impartirán as visitas guiadas polo monumento natural. Así o explicou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que se achegou ata As Catedrais para supervisar o inicio do funcionamento do operativo de control da Semana Santa, que se prolongará desde hoxe e ata o 22 de abril.

Ao igual que en campañas anteriores, Belén do Campo explicou que tamén se pon á disposición dos visitantes un servizo gratuíto de visitas polo areal. Estes percorridos serán dirixidos por dúas persoas tituladas que informarán aos participantes sobre os principais valores ambientais do monumento natural. As visitas organízanse en dous grupos de 25 persoas cada un e desenvolveranse cada media hora coincidindo coa baixamar diúrna, polo que o número de pases diarios variará dependendo das propias mareas.

A maiores do persoal contratado para o operativo de control de acceso durante a Semana Santa, un axente medioambiental estará presente na zona coincidindo coa baixamar. Neste sentido, Belén do Campo explicou que como axente da autoridade, tamén advertirá dos riscos existentes aos visitantes e en caso de detectar algún comportamento ou conducta imprudente, informaralles das posibles sancións ás que se enfrontan.

Do Campo lembrou que o operativo humano activado hoxe súmase como reforzo durante a Semana Santa á nova cartelería instalada hai uns días tanto na praia como nas súas inmediacións co fin de informar ás persoas que se acheguen ata o espazo natural dos riscos existentes e da posibilidade de desprendementos de rochas e material desde os cantís.

Concretamente, indicou que se procedeu á colocación de 32 carteis -10 nos acantilados, 19 no borde do cantil e tres no paseo- axustándose ás localizacións indicadas polos especialistas e aplicando para a súa colocación ás técnicas máis respectuosas e menos agresivas co medio natural. Ao respecto, a directora xeral de Patrimonio Natural lembrou que a Xunta viuse obrigada a actuar neste sentido “por responsabilidade”, asumindo tanto o custo como a instalación da nova cartelería tras a negativa do Estado a acometer pola súa conta o reforzo na cartelería de advertencia que aconsellaban os expertos.

Así, as conclusións do estudo xeotécnico sobre As Catedrais encargado pola Xunta á Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia tras o accidente do ano pasado recomendaban reforzar e mellorar a sinalización naqueles puntos identificados como máis sensibles a desprendementos; concretamente, na entrada da praia, no propio areal e na senda que vai por riba dos cantís, as tres zonas nas que a Consellería instalou esta semana 32 carteis despois de que un equipo técnico encabezado por un xeólogo se desprazase ata a zona para estudar in situ as mellores localizacións.

Cómpre lembrar, en todo caso, que o monumento natural As Catedrais está localizado integramente en terreos de dominio público marítimo-terrestre polo que lle corresponde á Administración do Estado a adopción de calquera posible medida preventiva na zona, no exercicio das súas competencias sobre costas e como responsable de exercer como policía preventiva para garantir a seguridade das persoas que o visiten.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo