O Concello presenta as actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presentou este martes no Salón de Plenos as actividades que ten programadas o Concello para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Trátase dunha programación que terá lugar dende este domingo ata o vindeiro sábado 12 de marzo e que congrega música, deporte, documentais, reflexións e a entrega de galardóns para loitar pola igualdade. Á presentación asistiron representantes de Producións FdS e Médicos Sen Fronteiras, organizador e entidade beneficiaria do concerto solidario Voces pola Paz, a cargo de Mayka Sitte, Mayka Edjole e Desiree Diouf que terá lugar o 8 de marzo ás 21:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, e de Xaquedrum, a asociación deportiva que desenvolverá partidas simultáneas de xadrez baixo o nome de O taboleiro da igualdade, este domingo, 6 de marzo, a partir das 13:00 horas na Praza Maior, actividade aberta a participación de mulleres de calquera idade.

González Abelleira subliñou que “o 8 de Marzo é un día importante, porque ademais de servir para reflexionar sobre os avances conseguidos por mulleres e celebrar actos de valor, é un día para reivindicar e seguir traballando, a cotío e moi duramente, para conseguir esa igualdade real e efectiva que todos buscamos na nosa sociedade”.

Asemade, Abelleira avanzou que “o día 8 de marzo se celebra a entrega de premios Entre Mulleres, á cooperante Ana Vila, polo seu labor en prol do desenvolvemento social en zonas rurais de Nicaragua. Posteriormente, terá lugar a lectura dun manifesto e a presentación dun documental sobre as irmáns Elisa e Jimena Fernández De La Vega, as primeiras mulleres licenciadas en Galicia e Asturias”.

A edil tamén anunciou a celebración da XII Marcha pola Igualdade pola Muralla de Lugo, que se celebrará o domingo 6 de marzo, con saída da Praza Maior.

O sábado 12 de marzo, Lugo acollerá o IX Encontro da Muller Xorda en Galicia. Ás 11:00 horas terá lugar unha andaina pola Muralla, que rematará coa lectura dun manifesto na Praza Maior. Posteriormente, na Facultade de Formación do Profesorado, ás 16:00 horas celebrarase unha mesa redonda, A Muller Xorda: O seu empoderamento, e logo a charla Cómo chegar a ser unha senadorea sendo unha persoa xorda, a cargo de Pilar Lima.

Ademais, durante o mes de marzo, nas ociotecas municipais do programa Aprende Xogando levaranse a cabo actividades de fomento da igualdade e a Biblioteca Municipal destacará os libros de autoría femenina.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com