Ante a previsión por parte da Consellería de Infraestructuras e Mobilidade da construcción do segundo tramo da rolda Leste, que conecta a glorieta na intersección coa estrada LU530 (Lugo – Fonsagrada), coa glorieta da Tolda de Castela, dende ADEGA poñemos en dúbida a necesidade desta actuación, tendo en conta tódolos impactos que vai xerar.
Con esta infraestructura preténdese pechar a circunvalación que rodea toda a cidade de Lugo. Con este tipo de vías, favorécese o aillamento de núcleos, xa que ao ter características de autovía urbana, non permite a continuidade de moitos dos camiños históricos que chegaban a Lugo. Os muros en pedra seca, presentes, cuxa técnica está declarada Patrimonio Cultural pola Unesco, serán parte do patrimonio cultural afectado na construcción desta nova vía.
Ademais, para a construcción vai ser necesaria a tala de carballeiras e soutos, que a día de hoxe conformar un cinturón verde na contorna de Lugo, tan necesaria para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro da cidade de Lugo.
A construcción de novas vías debera estar ben xustificada, con datos actuais, e cun proxecto de mobilidade real, sopesando o gran impacto que esta vía vai xerar, e os beneficios que traerá a cidadanía de Lugo e poboacións próximas.
Convidamos a todas as persoas a que asistan o vindeiro domingo 15 de marzo á andaina que faremos pola contorna de Lugo, por terreos afectados polo proxecto. Comezaremos a andaina ás 10h na Igrexia de San Fiz, atravesaremos a Carballeira de Montirón, pasaremos por Castelo e aproximadamente ás 12h, faremos um descanso en Bosende, para chegar ao punto de partida en San Fiz ás 14h. O roteiro ten unha lonxitude aproximada de 5Km, pero hai puntos cun forte desnivel, polo que a dificultade do roteiro é media.
Continuando coas actividades, o 22 de abril haberá un debate público ás 19,30h no IES Lucus Augusti, co fin de contrastar as diferentes posturas, e poder avaliar a necesidade dun proxecto como este, e coñecer os impactos que xerará.