Adega di que o Concello de Lugo non constrúe o edificio verde con madeira autóctona

A asociación ecoloxista ven de emitir un comunicado por mor da información remitida polo Concello de Lugo con respecto aos materiais cos que dito edificio se vai construír “nestes días comezaron as obras do chamado edificio Impulso Verde do barrio multiecolóxico que promove o Concello de Lugo, e que están sendo anunciadas en diferentes medios e na páxina web municipal como o primeiro edificio público galego construído con madeira autóctona certificada 100%.

Nestas informacións vertidas aos medios, o Concello asegura sen ningún tipo de pudor, que dito edificio será construído na súa totalidade con madeira autóctona certificada, procedente da Mariña lucense, ao tempo que indica que as madeiras a utilizar serán de piñeiro radiata e de eucalipto, especies arbóreas que non son autóctonas en Galiza”

A declaración de adega incide en que “malia que a intención do concello coa expresión madeira autóctona fose a de indicar que os recursos materiais para a construción do edificio sexan de procedencia local ou cultivados en ámbito galego, a ninguén se lle escapa que esta información, trasladada ao ámbito das especies forestais, é enganosa e favorece a confusión sobre o carácter autóctono das especies empregadas”.

Dende Adega consideran acertado o uso de recursos locais ou de proximidade por parte das administracións, pero lembran “que as madeira de piñeiro e eucalipto cultivada en Galiza nunca se podería denominar autóctonas xa que procede de especies exóticas ou alóctonas e, no caso do eucalipto, invasoras, tal e como ditou no seu día o Comité Científico de Flora e Fauna Silvestres do Ministerio de Medio Ambiente. O máis preocupante é que o Concello de Lugo contribúa de forma consciente a alimentar esa confusión entre a opinión pública, facendo pasar por autóctonas especies foráneas que atentan contra a preservación das árbores realmente autóctonas e teñen un elevado impacto no territorio. Este feito, volve poñer de relevo a falta de interese por parte do goberno local de traballar polo cambio dun modelo forestal e de avanzar cara unha produción forestal sustentábel, na que os bosques autóctonos non desaparezan ante o continuo aumento do monocultivo especies arbóreas exóticas.

Os ecoloxistas tamén disenten da cualificación de “Barrio multiecolóxico: máis propaganda que realidade Á medida que avanza o proxecto, comprobamos desde Adega que o LifeLugo + Biodinámico se afasta bastante dos obxectivos de planificación sustentable e de modelo de resiliencia urbana que di representar. O Concello de Lugo, en ningún momento, xustificou a necesidade e a utilidade de construír novos edificios na cidade, unha das urbes do Estado con maior índice de vivendas desocupadas e non rehabilitadas, ou de edificios públicos infrautilizados, e nos que se malgastaron alegremente os cartos de todos e todas. Tampouco vemos que este proxecto contribúa a avanzar na investigación e desenvolvemento dun bosque multifuncional, nos que se produza algo máis que madeira, e no que os produtos madeireiros sexan de calidade, deixen valor engadido no territorio e non comprometan o nosos bosques e o noso medio ambiente en xeral. Aplaudimos as iniciativas que promoven a eficiencia enerxética urbana e respectuosas co medio ambiente, pero consideramos que neste caso estas premisas non se cumpran. Instamos, por tanto, ao Concello de Lugo a promover e investir en proxectos que realmente favorezan a rehabilitación das infraestruturas urbanas e dos inmobles da cidade, ademais da eficiencia enerxética nos edificios xa existentes, sen necesidade de ocupar máis territorio e consumir máis materiais e recursos non renovables. Dende Adega tamén pedimos ao Concello de Lugo maior responsabilidade nas informacións emitidas aos medios sobre o barrio “multiecolóxico” e que non siga empregando a denominación “autóctona” para referirse á madeira empregada na construción do edificio Impulso Verde”. Rematan.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com