Adega e Mariña Patrimonio denuncian á Xunta por posibles danos nun petróglifo

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de denunciar perante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), posibles danos nun petróglifo situado no Xistral, concretamente no Chao de Sinás (Ourol-Lugo).

Segundo puideron saber ambas asociacións, os danos foron ocasionados pola propia administración autonómica, ao realizar, a comezos de ano, unha queima controlada do mato que cubría unha zona arqueolóxica, catalogada e protexida pola Xunta de Galicia. Ao parecer, este lume tería afectado especialmente o petróglifo 13.

Nesta zona arqueolóxica do Chao do Sinás, onde a administración ten catalogadas trece laxes con petróglifos e dúas mámoas (das cales unha alberga o coñecido dólmen da Arca de Sinás), a queima así como o paso dun tractor con desbrozadora de cadeas para controlar o lume non contaban coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura, segundo souberon ADEGA e Mariña Patrimonio.

Estas asociacións consideran “especialmente grave” que sexa a propia administración quen dane o patrimonio cultural. Ademais, sosteñen que esta queima sobre un petróglifo, e nunha zona arqueolóxica protexida, é “unha nova mostra do desleixo e da incompetencia da Xunta de Galicia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo