Adega solicita revisar a licenza da planta de CSR de Votorantim por carecer da autorización da Confederación Hidrográfica

A asociación ecoloxista ADEGA presentou no Concello de Sarria un escrito no que solicita a revisión de oficio da licenza urbanística concedida para a construción da planta de produción de Combustible Sólido Recuperado (CSR), promovida por Votorantim Cimentos no Oural. A petición baséase, segundo a entidade, na análise do expediente municipal da licenza.

ADEGA sostén que na documentación consultada non figura a autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para a realización de movementos de terras e outras actuacións que, ao seu xuízo, afectan ao dominio público hidráulico, así como á zona de servidume e á zona de policía do regato que atravesa a parcela na que se executan as obras.

A asociación lembra que a normativa en materia de augas establece a necesidade de contar cunha autorización previa do organismo de conca para este tipo de intervencións. Ademais, indica que a propia CHMS advertiu, durante a tramitación ambiental do proxecto, de que calquera actuación sobre os cauces e as súas zonas de protección require unha autorización específica e independente dos informes emitidos no procedemento ambiental.

No escrito rexistrado, ADEGA solicita ao Concello que comprobe a existencia da devandita autorización. No caso de que non conste, pide que se inicie un procedemento de revisión da licenza urbanística por unha posible causa de nulidade. Así mesmo, reclama a suspensión cautelar da eficacia da licenza e a paralización temporal das obras mentres se esclarece a situación administrativa.

Segundo expón a organización ecoloxista, as administracións públicas deben velar polo cumprimento da lexislación urbanística e ambiental, especialmente cando as actuacións poden afectar a espazos protexidos pola normativa de augas. Neste sentido, considera que a protección do dominio público hidráulico constitúe un interese xeral que debe ser preservado durante a execución de proxectos industriais.

ADEGA anuncia, por último, que continuará facendo seguimento da tramitación deste expediente e que, se o considera necesario, recorrerá ás vías administrativas e xudiciais para defender o cumprimento da legalidade e a protección do medio ambiente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com