Adxudicado o rocódromo que ampliará a funcionalidade do Pazo de Feiras

O Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, que preside a Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de adxudicar a construción dun rocódromo no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo por un importe de 372.000 euros, do que a Xunta achegará o 45% (máis de 170.000 euros). A adxudicataria compromete un prazo de execución da obra de 45 días dende a expedición da licenza.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, participou hoxe na reunión do Padroado na que se decidiu a adxudicación do contrato para a construción, equipamento, mantemento e xestión do equipamento deportivo para a práctica de escalada, espeleoloxía e de actividades recreativas en altura no Pazo de Feiras. Na xuntanza tamén participou por parte da Xunta a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez.

A Xunta asume a maior parte do orzamento do proxecto a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Secretaría Xeral para o Deporte; as outras institucións con representación no Padroado son a Deputación Provincial, que participa cun 35%, e o concello, que achegará o 20% restante.

Esta nova infraestrutura permitirá potenciar a funcionalidade do recinto feiral e incrementar a oferta de equipamentos deportivos da cidade. Neste sentido, cabe lembrar que as federacións galegas de Montañismo e Espeleoloxía suman preto de 5.500 licenzas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com