" />

Afundación inaugura o ciclo de cinema «Os de máis de 60 contamos»

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) inaugura mañá, mércores 7 de outubro, o ciclo de cinema «Os de máis de 60 contamos» que foi programado pola entidade co obxectivo de estender a campaña máis alá do propio Día Internacional das Persoas Maiores. Le Week-End, En construcción, Un amigo para Frank e Sang Woo y su abuela son as catro películas escollidas que abordarán desde diferentes perspectivas as incertezas e os retos de ser maior, a soidade, a perda, pero tamén a ilusión de vivir e a oportunidade de renovarse, aprender e seguir medrando. As proxeccións, que terán entrada libre e gratuíta, poderanse ver nas sedes de Afundación das distintas cidades ata o vindeiro 30 de decembro.

AS PELÍCULAS

Dirixida por Le Jeong-hyang, Sang Woo y su abuela xira ao redor da relación entre Sang Woo, un neno de sete anos, e a súa avoa, coa que terá que pasar unha tempada nunha aldea do rural, afastado de todas as comodidades da cidade. A distancia xeracional e a diferenza de estilos de vida entrarán en conflito para ambos os personaxes que deberán aprender a entenderse e comunicarse.

En construcción, dirixida por José Luís Guerín, narra a transformación dun barrio popular de Barcelona, no que se inicia a construción dun bloque de vivendas e o derrube de parte das súas antigas casas, cambiando o espazo urbano e tamén a paisaxe humana. As persoas maiores, entre outros actores, ofrecerán o seu relato deste proceso coñecido entre os urbanistas como «gentrification».

Le Week-End é unha comedia romántica dirixida por Roger Michell que trata sobre o amor maduro dunha parella británica de profesores retirados que volven a París anos despois da súa lúa de mel para celebraren o seu aniversario e tentar superar unha crise matrimonial.

Ambientada nun futuro próximo, Un amigo para Frank xira ao redor da relación entre Frank, un vello solitario e calado que sofre frecuentes perdas de memoria, e o robot que se encarga de coidalo. Pouco a pouco Frank comezará a facerse amigo da máquina ata o punto de ensinarlle algunhas das súas secretas habilidades.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo