" />

Afundación leva a Monforte e Viveiro o seu programa interxeracional de emigración

Afundación, a Obra Social de ABANCA, puxo en marcha a terceira edición do seu programa Fálame da emigración, no que maiores voluntarios e alumnas e alumnos de centros escolares de toda Galicia dialogarán sobre vivencias na emigración. A iniciativa enmárcase na liña estratéxica O valor da experiencia, da Área de Envellecemento Activo de Afundación, que ten como obxectivo ampliar as oportunidades de participación e de contribución social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional, a través de programas interxeracionais e de voluntariado, que beneficien outros grupos da sociedade.

Así, mañá mércores 4 de abril, ás 10.15 h, celebrarase un encontro no CPR Torre de Lemos de 5 voluntarios e voluntarias do Espazo +60 Afundación de Monforte de Lemos con alumnos e alumnas de 2.º de ESO do centro educativo. Os socios contarán as súas experiencias como emigrantes en países como Venezuela, Reino Unido ou Suíza.

Tamén mañá será a quenda de gozar das vivencias en Suíza, Alemaña ou Francia dos maiores voluntarios do Espazo +60 de Viveiro, que tomarán a palabra ás 11.30 horas nun primeiro encontro no IES María Sarmiento. Do mesmo xeito terá lugar outra xuntanza cos alumnos do centro viveirense o vindeiro xoves día 5 de abril.

Fálame da emigración articúlase a través de dous encontros interxeracionais, aos que precede unha fase de preparación por parte do alumnado e dos maiores. Os primeiros, a partir dunha guía didáctica e material de apoio  documental achegados por Afundación, traballan sobre o contexto social e histórico da emigración galega, mentres que os segundos constrúen o relato das súas historias de vida e preparan as sesións nos centros escolares. Asemade, nun segundo encontro e tras investigar sobre a historia das súas propias familias, os mozos relatarán tamén as súas relacións coa emigración e xuntos reflexionarán sobre as diferentes motivacións para emigrar, as dificultades e os aspectos positivos ou as diferenzas coa inmigración en Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo