Afundación pon en marcha un programa de obradoiros de artesanía na súa sede de Lugo (praza Maior, 16) como complemento á exposición fotográfica Oficios entre lusco e fusco, de Xosé Abad, exposta actualmente nese espazo. Este programa ten como obxectivo dar a coñecer os oficios tradicionais galegos e inclúe un obradoiro de olaría e torno cerámico e outro de cestaría.
O encargado de abrir a programación será o de olaría e impartirase o vindeiro sábado 28 de outubro entre as 17.00 e as 20.00 h. Estará dirixido por Pepa Lombao, unha artesá natural de Bonxe que conta cunha larga tradición oleira, tanto pola súa familia como pola súa localidade natal. Actualmente, Pepa Lombao é a última representante da Olaría de Bonxe, e leva toda a vida dedicada a difundir este patrimonio con demostracións e obradoiros, así como colaboracións con centros docentes, polo que conta cunha importante experiencia como formadora. Este obradoiro volverase a impartir o sábado 25 de novembro no mesmo horario.
Os obradoiros están dirixidos a todo tipo de público, tanto familiar como infantil e adulto. Non é precisa inscrición previa, e a entrada e saída será libre, permanecendo na actividade o tempo que cada asistentes considere conveniente dentro do horario previsto.