AGE afirma que as propostas da Ministra Tejerina non aportan solucións para resolver a crise do leite

Na tarde de onte, a Ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente,  Isabel García Tejerina, presentou ao Comisario Europeo de Agricultura, Phil Hogan, as peticións que levará ao Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea, convocado con carácter extraordinario o vindeiro luns 7, para abordar, entre outros aspectos, a situación de mercado dos sectores lácteo, vacún e porcino.

Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe)/ Esquerda Plural (EP) -integrada no grupo parlamentar da Esquerda Unitaria Europea – Verde Nórdica (GUE/NGL)- lamenta que a Ministra “non fixera un oco para dar a coñecer á nosa Delegaciónas propostas que lle fixo ao Comisario Hogan e que tiveramos que coñecelas pola prensa. Máxime cando dende a Alternativa Galega de Esquerda en Europa temos solicitado unha xuntanza coa Ministra dende hai varios meses para falar precisamente da crise do sector lácteo”, lembra a eurodeputada Lídia Senra.

En segundo lugar, a tenor do difundido a través dos medios de comunicación, a titular do GUE/NGL na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, Lídia Senra, considera que propostas como incrementar o prezo de intervención para o leite desnatado en po, ou abrir o almacenamento privado para o queixo son “medidas que non van ao fondo do problema e que, se non se acompañan de decisións políticas contundentes como a regulación da produción e dos mercados, non van servir para resolver a crise nin para que as pequenas e medianas explotacións podan seguir adiante”.

No tocante á proposta ministerial da creación dun Grupo de Alto Nivel que realice un seguimento e analice a situación do mercado lácteo, a Alternativa Galega de Esquerda/Esquerda Plural considera que “non ten ningún sentido a creación deste Grupo, habida conta da existencia de entidades como o Observatorio Lácteo Europeo e o Grupo de Diálogo Civil, nos que participan sindicatos agrarios, organizacións de consumidores/as, industria e distribución, polo que contamos xa con foros abondo para dar os debates e para facer as análises”.

“Para o que traía na carteira, a Ministra ben podía ter aforrado a viaxe a Bruxelas”, criticou a eurodeputada galega. “Os anticipos da PAC xa son cartos dos produtores/as, polo tanto, o Ministerio non aporta nada. A ‘boa vontade’ da cadea conséguese unicamente ca posta en marcha de lexislación axeitada”, concretou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo