AGEe e Lugonovo denuncian as consecuencias do remate das cotas do leite

A eurodeputada de (AGEe), Lídia Senra, o deputado de AGE Antón Sánchez e o candidato de Lugonovo á alcaldía da cidade, Santiago Fernández Rocha aportaron en rolda de prensa hoxe, unha análise dende o plano europeo, galego e local das consecuencias que está a ter a liberalización do sector leiteiro logo da fin do sistema de cotas.

Lídia Senra sinalou que “nos vindeiros dez anos vaise dar unha concentración moi forte da produción nalgúns países”, “máis da metade dos estados da UE van perder produción e o Estado español vai ser un deles”, consecuencias que se corresponden coa implantación do actual modelo no que as políticas públicas están ausentes, favorecendo a concentración da produción en empresas leiteiras de tipo industrial.

“Nuns anos, 15.000 grandes explotacións de 1.000 vacas van producir o que agora 650.000 en toda UE”, alertou, “non é casual que neste momento estea habendo una loita en Francia para impedir que se instale unha granxa de mil vacas”.

A eurodeputada galega deu conta das accións postas en marcha: “presentamos unha proposta de resolución para pedir que se dera o debate no Parlamento e que tanto esta institución como a Comisión e o Consello reflexionaran e deran marcha atrás”, volvendo a “unha política pública que contemple a regulación da produción e o mercado” situando o prezo do leite “no centro das políticas europeas”, para que deste xeito “poda haber moitas produtoras e produtores de leite na UE para manter un medio rural vivo”.

Esta iniciativa está bloqueada a día de hoxe, polo que Senra ten solicitada unha entrevista con Martin Schulz, presidente do Parlamento, “para coñecer os motivos polos que está parada esta proposta de resolución malia a cumprir cos requisitos precisos para ser debatida”. O traballo por abrir o debate sobre que medidas se poden aplicar, estase desenvolvendo tamén a nivel do Goberno estatal, onde está solicitada unha xuntanza coa Ministra de Agricultura. Polo tanto, en canto á posición do Estado español, “se non dan resposta é que están dacordo co que quere plantexar a Comisión, cos “mercados de futuros”, que é a especulación pura e dura”.

O candidato de Lugo Novo á alcaldía da cidade, Santiago Fernández Rocha, achegou pola súa banda as consecuencias concretas que a liberalización do sector leiteiro terá en concellos como o de Lugo, que conta cunha cabana gandeira de 6.800 vacas leiteiras, “que producen 45 millóns de litros ao ano e facturan 14.500.000€ anuais”.

Fernández reivindicou a importancia deste sector para un municipio como Lugo, onde están ubicadas 213 explotacións “que dan emprego a 1.300 persoas que viven do leite, é dicir, que xeran tres veces máis emprego que a empresa do Concello que conta con máis traballadores/as”. Pero non só os empregos directos vinculados á produción leiteira contan cun grande peso no concello, tamén os indirectos “este sector é importantísimo porque dinamiza a economía do propio concello, como pode ser o pequeno comercio, e se entra nunha crise irreversíbel  vainos afectar moitísimo”

Pola súa banda o deputado de AGE Antón Sánchez,  salientou que a nivel galego “o Partido Popular (PP) está facendo políticas de desmantelamento do rural e do agro”, xa que “non se entende que cos datos que hai de abandono, envellecemento e peche de explotacións sega insistindo nas mesma políticas”. Ademais, lembra que por parte da Xunta de Galicia “non se fixo ningún plan estratéxico para valorar o impacto nas pequenas e medianas explotacións, nin se introduciu no PDR (Programa de Desenvolvemento Rural) medidas para contrarrestar os efectos negativos”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com