" />

AGEe reúnese con representantes de traballadores de correos

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, mantivo hoxe en Bruxelas un encontro con traballadores de Correos que realizan o reparto en zonas rurais a fin de coñecer de primeira man as problemáticas deste servizo público e as condicións nas que se atopan as carteiras e carteiros.

Da totalidade das aproximadamente 2.000 persoas que traballan no reparto postal rural no Estado español a metade traballan na Galiza, constituíndo unha profesión de grande proximidade ca cidadanía, sendo nalgúns casos quen manteñen un contacto máis periódico con persoas maiores que viven no rural ou persoas e familias que viven en zonas especialmente illadas.

Na liña da estratexia de forzar o deterioro de servizos públicos para facilitar a súa posterior privatización, intensificada polo actual Goberno do PP, o servizo xeral de Correos ven sufrindo distintos ataques dende os anos noventa, dando inicio coa aprobación da Lei Directiva Comunitaria en consonancia coa sinerxia privatizadora iniciada en grande parte do territorio comunitario dende a década dos oitenta.

Este deterioro do servizo e das condicións laborais dos/as traballadores/as localízanse dun xeito moi significativo no medio rural, onde a precariedade que están a padecer as/os traballadoras/es de Correos identifícase en abusos como a esixencia de ter que aportar vehículo propio para facer o reparto, en ocasións tamén aportar o propio local de atención ao público a cambio dunha irrisoria compensación de 20€/mes ou zonas de reparto imposibles de realizar nunha xornada laboral.

A eurodeputada de AGEe agradeceu a posibilidade de poder afondar na verdadeira situación na que se atopa este servizo público, e salientou a importancia de estender esta reivindicación á cidadanía, “todas as persoas temos dereito á igualdade nas comunicacións, vivamos onde vivamos”, lembrou, “temos que loitar con contundencia contra o desmantelamento dos servizos públicos se queremos ter un medio rural vivo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo