A Alcaldesa inaugura unha triple exposición de memoria histórica no Vello Cárcere, “para que a democracia non caia no esquecemento”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou este venres unha triple exposición de memoria histórica no Vello Cárcere “para que a democracia non caia no esquecemento” tal e como afirmou a rexedora. Trátase das mostras O Vello Cárcere de Lugo. Da guerra á posguerra, Dende o panóptico: cada cela unha fiestraVermellas, que buscan contribuír á recuperación da memoria histórica do espazo, á dignificación das súas vítimas durante o período da guerra á posguerra, e á reflexión sobre este antigo lugar de represión dende distintas miradas actuais.

Ao acto, cheo de emocións e lembranzas, tamén asistiu a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, entre outras autoridades; así como membros da Corporación Municipal, familiares dos represaliados, a presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, Carmen García-Rodeja, a coordinadora das exposicións, Cristina Fiaño, os 13 artistas dunha das mostras, e os escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, entre outros.

Lara Méndez lembrou os ingresos no Vello Cárcere por causas políticas, máis de 5.000, motivo polo que, subliñou, hoxe se inauguran as exposicións, “para revivir e que non caia no esquecemento o noso pasado”. Nesta liña, reivindicou a necesidade de facer dun lugar testemuñal un espazo de memoria, onde se ten en conta que o valor do edificio vai ligado á súa historia e ao conxunto de memorias das vítimas e de toda a sociedade afectada polos procesos tratumáticos vividos ao redor dela.

“Temos que seguir con esforzo recuperando a memoria histórica das vítimas da ditadura franquista, porque temos a obriga de ter memoria, xa que, desgraciadamente o que non se visibiliza, non existe, e cae no esquecemento”, aseverou a Alcaldesa, quen lle pediu a todas as persoas presentes no actos defender a democracia.

As celas anexas ao patio acollen a primeira exposición, O Vello Cárcere de Lugo. Da guerra á posguerra, que conta como co golpe de estado de 1936 este cárcere se vise marcado polo amoreamento. O libro de memorias escrito por Gregorio Sanz, as notas intercambiadas polos presos, as cartas escritas á familia ou mesmo obxectos elaborados na propia prisión son algúns dos materiais que conforman a exposición, da que tamén formará parte a recreación dunha cela individual na época da guerra. Esta mostra quere amosarse  como un proxecto continuo de loita, por iso se habilitou un enderezo electrónico a través do cal toda persoa que dispoña de información e material poida dala a coñecer. Será a través do memoriadovellocárcere@gmail.com.

A segunda delas, Dende o panóptico: cada cela unha fiestra, reúne por primeira vez unha serie de traballos de diferentes figuras da arte galega e peninsular ao convidar a trece artistas de recoñecida traxectoria a dialogar co espazo carcerario e coa súa memoria a través de obra escollida ou elaborada de maneira específica para este lugar.

A angustia e o lento paso do tempo, a memoria dos muros e o espazo de reclusión, os desaparecidos e os refuxiados como novas vítimas de represión, o son e a luz, a penitencia e incluso a idea da fuga son algúns dos fíos conductores que comunican as vintedúas celas intervidas por Mónica Alonso, Clemente Bernad, Misha Bies Golas, Pedro G. Romero, Patricia Gómez e MªJesús González, Ramón Mateos, Tatiana Medal, Berio Molina, Carlos Maciá, Jérémy Pajeanc, Rodríguez-Méndez e Jorge Varela.

Para recuperar a memoria das mulleres antifascistas borradas da historia, o módulo feminino acollerá a terceira mostra, Vermellas (Chamábanlles rojas). Componse de vinte paneis con textos explicativos que recuperan datos e fotografías sobre as mulleres máis conscientes e resistentes durante a II República que foron asasinadas, violadas, maltratadas, rapadas, presas ou exiliadas.

As mostras, abertas ao público e gratuítas, estarán abertas ata o 5 de novembro.

 

Por estas exposicións e polo edificio do Vello Cárcere terán lugar visitas guiadas mañá sábado, ás 12:00 e ás 18:30 horas, domingo, de 11:30 a 13:30 horas, e de 18:15 a 20:15 horas; e o luns 1 de maio, de 11:30 a 13:30 horas. As prazas son limitadas (25- 30 persoas) polo que hai que inscribirse previamente na recepción do Vello Cárcere ou no teléfono 982-29-71-95.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com