As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio comunicaron á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a existencia dunha situación de risco que afecta varios bens arqueolóxicos situados na parroquia de Parada, no concello de Outeiro de Rei (Lugo), onde se están a desenvolver traballos forestais de corta de piñeiros e está prevista unha nova plantación de eucaliptos.
Segundo indican, o caso máis significativo é o dos petróglifos localizados na zona, concretamente no punto de coordenadas X 609154 e Y 4768054. De acordo coa información trasladada, na actualidade hai troncos depositados sobre a rocha na que se atopan, nun contexto de actuacións realizadas con maquinaria pesada e sen que se aprecien medidas específicas de protección.
As entidades sinalan que a existencia destes petróglifos foi comunicada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no ano 2020, cando se confirmou a súa autenticidade e se lles asignou un código identificativo. Non obstante, segundo apuntan, estes elementos non figuran nos visores públicos do patrimonio nin nos de aproveitamentos forestais, o que, ao seu xuízo, incrementa o risco de afección.
ADEGA e Mariña Patrimonio advirten tamén da presenza doutros bens arqueolóxicos na mesma área que, segundo indican, non estarían rexistrados oficialmente e poderían verse afectados polos traballos en curso.
Ante esta situación, ambas asociacións solicitaron ás administracións competentes a verificación dos feitos, a inspección da zona e a adopción de medidas cautelares para evitar posibles danos. Entre as peticións formuladas inclúese, de ser o caso, a paralización temporal das actuacións forestais na contorna dos elementos patrimoniais ata que se garanta a súa protección.
Así mesmo, reclaman que se avalíe a existencia e o estado de conservación doutros bens situados na zona, como as Medorras de Parada, a Medorra das Latas e outras formacións con gravados rupestres presentes na contorna.






