Alfonso Fuente formaliza o seu reingreso no PP e aspira a renovar a confianza de Barreiros

O actual rexedor do Concello de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, formaliza o seu reingreso no Partido Popular co anuncio da súa afiliación do que se deu conta na xunta directiva desta tarde. Aspira a renovar a confianza dos veciños e veciñas que o apoiaron con maiorías absolutas nas tres últimas citas coas urnas ao liderar de novo a candidatura dos populares no municipio.

Fuente Parga asegura que “tanto veciños coma afiliados e simpatizantes pedíronme que volva a encabezar a lista do Partido Popular para seguir traballando por Barreiros no novo mandato para sacar adiante proxectos xa preparados”. Nese sentido, o candidato popular quere agradecer “as mostras de apoio dos barreirenses durante o proceso xudicial do que agardabamos a sentenza absolutoria que foi ditada nas últimas semanas”.

O candidato popular á alcaldía avanza que “tras traballar nos últimos anos na elaboración do PXOM, está preparado para someter á súa aprobación inicial a comezos do vindeiro mandato”. Igualmente, está prevista a humanización de distintos núcleos do concello. Fuente Parga aposta por “seguir traballando na prestación de servizos aos veciños e veciñas despois de incrementar a axuda a domicilio ao alcanzar a vintena de persoas que prestan este demandado servizo”. Coa convicción de que “non só hai que garantir os servizos, senón melloralos na medida do posible”; o candidato popular sinala a súa vontade de “mellorar o servizo de gardería municipal e nos dous colexios do municipio” de forma que contribúan ao asentamento da poboación.

O alcaldable do PP pon en valor o investimento en estradas municipais que permite que cada ano se melloran tramos da nosa extensa vía municipal; así coma a posta en marcha da nova potabilizadora que contribúe á mellora da rede de abastecemento de auga. Así mesmo, cre necesario “impulsar o proxecto da depuradora de augas residuais en San Miguel de Reinante”.

O actual rexedor de Barreiros amósase disposto a “impulsar Barreiros para recuperar a imaxe que tanto danou a oposición no noso concello e retomar proxectos para a súa consolidación como referente turístico na comarca da Mariña”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com