Alumnos alemáns coñecen o Concello da man da Alcaldesa

A Alcaldesa de Lugo, recibiu este venres no Salón de Plenos aos 12 alumnos alemáns do instituto Eduard-Spranger Gymnasium da cidade de Landau, próxima a Estrasburgo, que están de intercambio nestes días co instituto San Xillao. Os estudantes, de entre 14 e 15 anos, acudiron acompañados dunha ducia de alumnos e alumnas lucenses, da directora e da profesora de alemán do instituto lugués e de dúas mestras do centro alemán.

No acto de benvida, Lara Méndez, destacou a importancia de viaxar e coñecer a cultura doutros países e o seu idioma. Tamén aproveitou para agradecer o traballo que realizan os profesores de ambos centros, que fan posible o intercambio de experiencias entre alumnos lucenses e europeos, ao tempo que convidou aos rapaces a descubrir a historia de Lugo e a gozar da cidade.

Os estudantes interesáronse durante a recepción polas persoas que ocupan as cadeiras nas que se sentaron do Salón de Plenos e polas funcións que estas desempeñan, canto tempo leva Méndez como Alcaldesa, as súas funcións e tamén a súa idade.

Por parte dos profesores, agradeceron á rexedora a súa receptividade e propuxeron estudar a posibilidade de que Lugo e Landau se irmanden, dado os estreitos lazos que se forxaron nos últimos anos entre as comunidades educativas de ambas cidades. Méndez acolleu esta idea sinalando que o vindeiro ano se desprace a Lugo algunha autoridade institucional de Landau para avanzar nesta proposta.

Os estudantes alemáns, que marchan o vindeiro luns, pasan en Lugo 7 días. Previamente á súa viaxe xa mantiveron contacto cos alumnos lucenses a través de redes sociais. Os alumnos do Sanxillao visitarán Landau do 4 ao 11 de abril.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com