Álvaro Lemos, presentado como novo xogador do CD Lugo

Na tarde de onte, o xogador Álvaro Lemos foi presentado coa camiseta vermella e branca do CD Lugo. “Unha aposta de futuro, pero con seguridade no rendemento inmediato”, segundo confirmou José María Vázquez, xerente da entidade, durante o acto de presentación.

Unha contratación que, apuntou, “mantén a liña esbozada como parte do proxecto deportivo na que se xunta xuventude con veteranía, trazando o crecemento dun equipo que, asegurou, xa toma unha forma ilusionante de cara ao arranque da próxima tempada, a punto de comezar”.

Logo da presentación, foi a quenda para o novo futbolista que mostrou a súa satisfacción pola concreción da fichaxe: “O importante é que todo puido arranxarse, e xa formo parte deste equipo. Estou moi ilusionado con esta etapa que empeza e estou a gozar moito”.

Xogador con capacidade de adaptación a varias posicións na parte dereita do campo, mostrou a súa disposición ao acoplamento á idea que Milla teña a ben desenvolver para el. “Gústame moito xogar pola dereita, é onde máis me movín. Pero aquí veño a sumar, a axudar. Adaptareime ao que me pida o míster. Xa falei con el, todo ben”.

Preguntado polo seu estado físico, afirmou que as lesións son cousa xa superada, e que nestes momentos se encontra pleno de capacidades e no mellor momento posible para afrontar o reto que lle chega. “As lesións están esquecidas, estou ao 100% para dalo todo por este equipo”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com