Álvaro Santos: A provincia perde poboación e emprego polas políticas do PP

O Secretario Xeral Provincial dos Socialistas, Álvaro Santos Ramos, denunciou o deterioro no emprego e o empobrecemento da nosa provincia causado “polas políticas económicas e a falta de investimentos do Partido Popular. As consecuencias do abandono que sofre a provincia desde que goberna o Partido Popular queda en evidencia na evolución do emprego, a precariedade laboral e a perda de poder adquisitivo dos traballadores e os pensionistas”.

Santos asegurou que “O PP mente e tenta agochar a realidade que vivimos cada día os veciños de Lugo cos datos do paro, por máis que queiran sacar peito o certo é que a nosa provincia perde emprego, cae a poboación activa e desaparecen empresas, por non falar das condicións laborais e a perda de dereitos e salarios que padecen os traballadores, dos que todos somos conscientes e que o PP prefire ignorar”.

Segundo o máximo responsable do PSdeG de Lugo “os datos son contundentes, os gobernos do PP provocaron coas súas políticas un importante descenso da poboación activa, xa que a provincia perdeu 8.200 persoas no mercado laboral entre os anos 2011 e 2017. Ademais, as políticas do PP causaron a caída en 313.000 euros no Produto Interior Bruto da provincia entre 2010 e 2015, segundo os últimos datos oficiais. Tamén provocaron a destrución de 150 empresas na provincia entre 2011 e 2017” .

 2.000 empregos perdidos na provincia

Álvaro Santos tamén declarou que “a diminución da poboación activa e a negativa evolución demográfica que está a sufrir a nosa provincia, que perdeu 17.896 veciños entre 2011 e 2017, son a verdadeira explicación da evolución do paro. Hoxe na provincia de Lugo contamos con 17.801 desempregados e no 2011 había 24.500. Parece que o paro baixou en 6.699 persoas. Pero iso non é verdade, pois no primeiro trimestre do 2011 había 136.900 persoas na provincia traballando e hoxe son 134.900. A conta é sinxela, temos 2.000 empregos menos que hai 7 anos e queda claro que non é o PP quen fai mellorar a evolución do emprego na provincia, senón que os datos do paro reflicten o declive demográfico que estamos a vivir sen que fagan nada por evitalo”.

“A perda de poboación da nosa provincia ten moito que ver coa situación da nosa economía e coa falta de postos de traballo e salarios dignos. De novo, as cifras cantan: dos case 20.000 contratos que se asinaron no primeiro trimestre de 2018 na provincia, o 87,3% son temporais, de 1 día e mesmo só de unhas horas. E se falamos de salarios, a situación tamén é lamentable xa que o salario medio no Estado hoxe é de 1.636 euros mentres que en Galicia é de 1.447, case 200 euros por debaixo. No 2011, en España era de 1.630 e en Galicia de 1.780. Polo tanto, en 7 anos de goberno do PP perdemos 350 euros de media salarial”. Rematou.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com