Ameijide denuncia que Lara Méndez pecha o mandanto “batendo o récord” do PMP

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou que Lara Méndez “segue empeñada en maltratar” aos autónomos e pequenas empresas lucenses que prestan servizos ao Concello de Lugo, xa que decidiu pechar o mandato batendo o seu récord negativo do período medio de pago a provedores (PMP), deixando a cifra en 182 días.

Antonio Ameijide di que segundo o informe de morosidade do primeiro trimestre do ano, Lara Méndez “está a rirse dos pequenos empresarios e autónomos lucenses” xa que segue a establecer “récords negativos” no pago de facturas, na actualidade debe 14.227.982,11€, a pesar de ter en contas bancarias municipais 36.444.031,38€. Das 8.263 facturas que hai pendentes de pago, 5.593 xa incumpren o prazo legal establecido para pagar as facturas, situando o período medio de pago pendente en 181,88 días.

Neste senso, Antonio Ameijide pon de manifesto que a tesoureira municipal reitera, por enésima vez no seu informe, que “non existe un problema de liquidez nin imposibilidade financeira ningunha para poder afrontar os pagamentos municipais”. Un informe no que se engade que “os incumprimentos en materia da normativa de morosidade neste momento están a reflectir unha deficiente e lenta xestión interna na tramitación administrativa das facturas pero en ningún caso un problema financeiro ou de liquidez para atender os pagamentos”. Por iso, a tesoureira sinala que “reitérase a necesidade de tramitar nos prazos establecidos na normativa de morosidade as facturas que están pendentes”.

O informe aportado pola tesoureira municipal certifica que Lara Méndez só paga dentro do prazo legal establecido o 18.94% das facturas, ou dito doutro xeito, o goberno local paga fóra de prazo o 81% das facturas, o que supón que no primeiro trimestre de 2019 o Concello de Lugo tivo que aboar 14.520€ por intereses de demora.

Antonio Amejide puxo sobre a mesa varios exemplos de facturas que o goberno de Lara Méndez debe a provedores que prestaron servizos para o Concello, algunhas delas acumulando varios anos de espera.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo