Antonio de Telelugo

O empresario Antonio Gómez Pérez deixounos físicamente o pasado xullo, deixando en todos nós impresa a imaxe de seriedade, intelixencia e traballo que o caracterizaron sempre.

Cando hai máis de medio século empecei o meu tempo de radio, xa tiña Antonio a sona de ser especialmente receptivo ás ofertas radiofónicas que implicasen a difusión de temas de Galicia e en galego, e comprobeino moi axiña cando patrocinou con entusiasmo os meus primeiros traballos no noso idioma en Radio Popular.

Era daquela o titular da empresa Telelugo, en Bolaño Ribadeneira, de electrodomésticos, bombas de auga e motores, onde acudía asiduamente José Domínguez, creador do Belén de Begonte, conxeniando ambos de tal xeito que desde que naceu o Belén foi un dos seus máis importantes apoios e con Pilar, a súa dona, dos máis asiduos participantes nas actividades do Nadal begontino durante o case medio século de vida desta iniciativa relixioso-cultural, que os dous aspectos mereceron sempre o seu interese.

No momento de despedilo destacouse que fora o primeiro secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, da que foi promotor, asinando no nome da CEL a acta fundacional da CEOE nos tempos en que sindicalismo e empresariado establecían canles de diálogo e reglas de xogo.

Cando no ano noventa e catro Carlos Rodríguez e máis eu creamos Televisión Lugo, tivemos que compaxinar a nivel popular ese nome co de “Telelugo”, co que os lucenses non dubidaron en rebautizarnos. Téñoo comentando con el, poñendo de relevo que algo terían que ver no tema a súa seriedade empresarial, a súa bonhomía, e o seu lucensismo e galeguismo. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com