Aprazadas as xornadas técnicas e o encontro empresarial de Expomar 2020 en Burela

Fundación Expomar anuncia que, debido á situación do estado de alarma no que se atopa España, como consecuencia da actual pandemia do coronavirus (Covid-19), decidiuse aprazar a celebración das súas XXVII Xornadas Técnicas e XXI Encontro Empresarial, que ían ter lugar en Burela os días 28 e 29 de maio.

Este aprazamento foi analizado desde tódolos puntos de vista por parte dos membros do Comité Organizador de Expomar 2020, que considera que é a mellor decisión para os axentes implicados. As Xornadas e o Encontro Empresarial aprázanse indefinidamente, pendentes de nova data segundo marquen a evolución dos acontecementos e as indicacións gubernamentais.

O presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, explicou que “xa é habitual agora ir desprazando moitos eventos ou incluso anulalos. Nosoutros tíñamos previsto facer Expomar os días 28 e 29 do mes de maio, pero evidentemente tal e como están as circunstancias dado que non se poden facer reunións presenciais onde poida haber moita xente, entón decidimos trasladar esta cita a outra data, xa veremos cando, veremos cal é a mellor”.

Llano dixo que “de momento imos agardar para ver como vai evolucionando a pandemia e en canto estea máis ou menos normalizada a situación e se poida xa calcular cando se fan estes eventos, determinaremos unha data que vaia ben para o conxunto do sector pesqueiro e para a xente que tiñamos previsto que viñera a dar as conferencias e a participar no encontro empresarial”.

As Xornadas Técnicas de Expomar son un foro de recoñecido prestixio que une ao sector, a administración e a prensa; que propoñen cada ano os temas de maior actualidade do sector pesqueiro e que destacan pola participación de importantes políticos de tódalas administracións, técnicos especialistas do sector e importantes investigadores e catedráticos de diversas universidades. Pola súa parte, o Encontro Empresarial reúne ás entidades máis representativas da flota galega e ás asociacións profesionais do sector pesqueiro a nivel nacional.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com