Aprobado o convenio de colaboración coa Escola de Organización Industrial

Este mércores, a Xunta de Goberno Local aprobou o convenio de colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) grazas ao cal se ofrecerá apoio integral, individualizado e personalizado de xeito gratuíto a máis de 260 lucenses para pór en marcha con éxito á súa empresa, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira. Trátase do plan Inicia Coworking, que se desenvolverá a través do CEI Nodus.

O voceiro municipal, Miguel Fernández, lembrou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que, unha vez aprobado o convenio, procederase a súa sinatura coa EOI co fin de que esta entidade poida facer os trámites oportunos co fin de comezar o programa, que o Concello estima que poderá arrancar no mes de abril co proceso de selección de proxectos.

Na sesión de hoxe aprobouse o gasto de 80.000 euros para o exercicio do 2016 no marco deste convenio, cuxo orzamento total é de 800.000 euros, dos cales a Escola de Organización Industrial achega o 80%, é dicir, 640.000 euros –que á súa vez proceden do Fondo Social Europeo- e o Concello, o 20% restante, é dicir 160.000 euros de fondos propios.

Asemade, na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno aprobou o nomeamento dos representantes locais na Mesa de Estudo do Plano Guía da Cidade, unha mesa que ten como finalidade acordar, de xeito consensuado e plural, os nomes das rúas de Lugo. Deste xeito, formarán parte desta mesa os concelleiros Miguel Fernández, Antonio Ameijide, Santiago Fernández Rocha, Tareixa Antía Ferreiro, Olga Louzao e Carlos Portomeñe.

A Xunta de Goberno tamén acordou nomear os representantes do Concello nos consellos escolares dos centros educativos do municipio.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com