Arias e Candia, avaladas pola militancia na carreira polo temón do PP de Lugo

As dúas candidaturas que optan a dirixir o PP de Lugo entregaron hoxe os seus avais para poder iniciar a carreira polo posto de forma oficial. A primeira en facelo foi a delegada da Xunta, Raquel Arias, que obtivo un total de 690 sinaturas e, xa pola tarde, fixo o propio a voceira do PP na Deputación e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, que conseguiu 1.450 firmas, máis do dobre que a súa contrincante. Uns datos achegados polo Comité Organizador do próximo congreso do partido que se celebrará o 6 de marzo.

Deste xeito as dúas cabezas de lista formalizaron xa a súa postulación á presidencia do PP provincial nesta nova etapa de xestión que se abrirá despois do congreso sen o que foi o capitán do barco popular na provincia durante 14 anos, José Manuel Barreiro. O senador popular anunciara a súa renuncia a continuar á fronte do partido o pasado xoves día 4 e ao día seguinte Candia presentaba a súa candidatura xunto ao subdelegado do Goberno en funcións, Ramón Carballo, como número dous. Dende entón e ata hoxe a ex presidenta da Deputación foi anunciando os nomes de representantes políticos e militantes populares que se integrarán nela.

Pola súa banda, Arias agardaba ao pasado luns para dar a coñecer a súa intención de conseguir a presidencia do partido. “Non queríamos presentar a candidatura sen antes comunicarllo aos militantes”, aseguraba a delegada da Xunta, que polo momento non fixo público quen a acompañará na súa lista, aínda que todo apunta a que o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, tería un posto destacado.

Era hoxe precisamente cando remataba o prazo para presentar os avais que permiten ás candidaturas pasar ao seguinte proceso, o da campaña interna do partido que rematará co XVII Congreso Provincial Extraordinario do PP lucense. Segundo o regulamento do congreso, eran necesarios un mínimo de 75 avais para poder presentarse, unha cifra que superaron con creces.

Pero aínda falta coñecer a cifra definitiva, que se fará pública o luns “tras o reconto e comprobación das sinaturas”, tal e como explica o secretario do PP de Lugo, José Manuel Balseiro. Un día no que se fará ademais a proclamación de candidatos.

Militancia

Arias e Candia coincidiron en poñer o foco na militancia nas súas primeiras declaracións como candidatas avaladas. Arias compareceu acompañada “do que cremos que é o PP, un partido no que están representados xóvenes, maiores, funcionarios, traballadores doutros ámbitos, desempregados, cargos públicos… dando a entender que ese vai ser o noso proxecto”, que tal e como xa avanzara o luns pasado, “non é continuista pero si tremendamente integrador”. Así, xunto á delegada atopábanse cargos como o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira ou a edil do PP de Lugo e deputada provincial Mari Teijeiro.

A delegada da Xunta anunciou que dentro da executiva que conformará no caso de ser elixida presidenta “haberá unha área específica para a participación activa da militancia, que poderá coñecer a actividade diaria do partido, pero tamén sendo quen de transmitir o que a sociedade nos está demandando” co obxectivo de crear “un partido moito máis dinámico, flexible e máis conectado coa sociedade.

Pola súa banda, Candia presentou a súa candidatura “convencida de que o aval máis importante é integrar a toda a militancia nun bo proxecto de futuro”. “É a hora dos militantes”, asegurou, “é a hora de que tomen a palabra e, entre todos, enriquezamos este proxecto de futuro para o noso partido”, engadiu, animando así a todos os afiliados “a que fagan a súas achegas”.

A alcaldesa de Mondoñedo explica que dedicará a súa campaña a seguir facendo propostas en positivo, así como a escoitar a opinión da militancia, “desde os máis novos ata os que teñen unha dilatada traxectoria no partido”. “Estamos seguros de que este proceso representa unha oportunidade única para a toda a militancia do partido de cara a apuntalar un proxecto de futuro que nos permita facer o mellor traballo nas institucións nas que gobernamos e poder recuperar aquelas nas que estamos a desempeñar unha labor encomiable desde a oposición”, concluíu.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com