Arranca a campaña electoral no Concello de Lugo con actos e pegadas de carteis

Á media noite de hoxe deu comezo a campaña electoral de cara ás eleccións municipais en toda a provincia, e os candidatos ás alcaldías non esperaron para arrancar a súa tradicional pegada de cartaces. Unha campaña reñida, en algúns concellos como o de Lugo no que doce candidaturas loitan polo bastón de mando da cidade.

Así, o alcaldable popular, demostrou a fidelidade ao seu lema #LugoenMarcha ao arrancar a súa campaña cunha festa na praza Maior. Os populares adiantaron unhas horas o inicio de campaña, cun acto simbólico no que, en lugar da tradicional pegada de carteis, optaron por escenificar o despegue do cartel de Ramón Carballo. A imaxe do candidato tiña superposta outra do Concello de Lugo e que se destapou asegurando que “agora é o momento do goberno do PP. Asegúrovos que en canto exerza como alcalde, vou cambiar o rumbo deste municipio, desta cidade. Poremos rumbo ao futuro, con firmeza, con decisión. Lugo será #Lugoenmarcha”. 

Asemade, Carballo percorreu hoxe a cidade, dende o parque de Frigsa ata a rúa Cidade de Vigo e rúa Dinán, onde estivo visitando e repartindo propaganda electoral a traballadores do mercado e distintos negocios destas zonas cualificando de “falta de respecto” que un goberno que “presume” de superávit “non pague en tempo e forma”.

Noutro senso, o BNG presentou á medianoite o cartaz co que pedirá o voto durante a campaña electoral de cara ao 26 de maio. Nun acto con simpatizantes e militantes, Rubén Arroxo colocou esta propaganda sobre unha das bicicletas preparadas para utilizar durante a campaña electoral, como símbolo do seu modelo de cidade. “Non me presento para competir contra ninguén, imos pola alcaldía, para que Lugo gañe e esa será a grande vitoria colectiva” dixo Rubén Arroxo e explicou “a xente está farta de que se insulte a súa intelixencia, de mensaxes baleiros, e das liortas entre os que compiten pola poltrona, o BNG está para servir ás veciñas e veciños e así o demostramos onde gobernamos como Ribadeo, Muras, A Pobra do Brollóns, Allariz ou Pontevedra”.

O candidato do BNG estará hoxe cun acto na praza da Milagrosa ás 20:30 horas. Rubén Arroxo sinalou que “este é un dos barrios con máis posibilidades e o seu futuro dependerá das políticas que se apliquen” ademais insistiu na necesidade de impulsar unha declaración ARRU para facer unha intevención de rehatilitación e rehabitación no barrio.

Pola súa banda, en Marea iniciou en Lugo a campaña nun acto no que participaron o voceiro, Luís Villares, a candidata de En Marea-Compromiso por Europa, Lidia Senra, e o candidato á alcaldía de Lugonovo, Xosé Chorén, a formación reivindicou a necesidade dun novo modelo político que priorice as necesidades e o benestar da cidadanía e impulse a xustiza social, tanto nos Concellos como nas institucións europeas. Lugo, con valentía! é o lema de campaña da formación asamblearia; unha mensaxe escollida pola Plataforma para resumir a defensa do traballo feito durante estes catro anos como Grupo da Corporación Municipal e a afouteza coa que a formación afronta os comicios electorais e os próximos catros anos como forza determinante do Concello de Lugo.

“A valentía será o que nos mova para defender os dereitos da sociedade lucense. Coa que adquirimos o firme compromiso de construír un municipio mellor. Un Lugo pensado para todas as persoas, capaz de xerar riqueza e benestar, de atender correctamente as necesidades diarias da cidadanía. Un Lugo dinámico, vivo, habitable e inclusivo”, subliñou Xosé Chorén no acto de inicio da carreira electoral.

A candidata de Cidadáns, Olga Louzao, reafirmaba onte ao seu grupo como a “alternativa” que “emerxe con forza” na cidade fronte “ao desastre destes catro anos de Lara Méndez e do PSOE en Lugo e da falta de ilusión do PP e o seu candidato, Ramón Carballo”. Esta agrupación, realizou na medianoite a tradicional pegada de cartaces no fondo da Praza Maior onde a alcaldable resaltou o “momento de emerxencia municipal” que vive Lugo “despois de catro anos de parálise, caos e desgoberno”.

Durante o día de hoxe a portavoz da agrupación laranxa propuxo un novo modelo de mobilidade urbana. Louzao, xunto a compañeiros de candidatura, realizaron hoxe unha “demostración práctica” de como está a mobilidade na cidade de Lugo facendo o percorrido de Garabolos ao centro da cidade en distintos medios de transporte (andando, en bicicleta, en moto, en coche ou en autobús), co que puideron comprar que o autobús foi o último en chegar.

“O bus urbano non funciona. Dos cinco medios de transporte o bus foi o último en chegar, mesmo chegou antes a persoa que viña andando”, explicou a candidata de Cidadáns nun vídeo colgado nas redes sociais.

A candidatura de Unidade Popular Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida- Equo arrancou a campaña cun acto celebrado na Praza da Calella do Hospital, no que falaron o candidato á alcaldía Carlos Portomeñe, a número dous, a psicóloga do Equipo Técnico do Menor da Xunta de Galicia, Chus Rodríguez e a militante de Equo e activista animalista Marta Castro. O acto foi presentado por Vanessa Somoza, recente candidata ao Congreso por En Común Unidas Podemos e número tres da lista de ACE-EU-EQUO. O cabeza de lista de ACE-EU-EQUO quixo destacar o traballo de oposición realizado durante os últimos catro anos polo grupo municipal ACE-EU

A candidatura de unidade popular Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida- Equo plantexaba hoxe, como  medida de goberno, redactar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que pase páxina ao “modelo expansionista” que conduciu á crise. “Hoxe Lugo é a terceira cidade do Estado con máis vivenda baleira, con 17.831 deshabitadas. Levamos tempo sufrindo as consecuencias das expectativas frustradas do actual PXOM, con edificacións en estado ruinoso, barrios enteiros degradados, conflitividade social, marxinación, urbanizacións sen edificar con altos costes de mantemento, solo baleiro… Urxe un PXOM feito para as necesidades das persoas e non para os intereses das constructoras, real e de futuro”, sinala Carlos Portomeñe, candidato á alcaldía de ACE-EU-EQUO.

Entre o resto de partidos, o PSdeG, encabezado pola rexedora municipal, Lara Méndez, abriron a campaña na praza do Cantiño onde puxeron en valor o traballo realizado no Concello nos últimos catro anos. Compromiso por Galicia arrancou a súa pegada de carteis baixo o lema Coa túa confianza co que pretenden acadar o voto para o seu candidato Manuel Hurtado. O alcaldable de Podemos, Jose Manuel Pérez  ‘Josito’, arrancou a pegada de cartaces na Praza Maior, acompañado dalgúns dos seus compañeiros cos que concorre baixo o lema Lugo pide un cambio.

Pola súa banda, Galicia Sempre, Vox, Converxencia 21 e Foro Lugo Independiente, non arrancaron, polo momento, accións de campaña.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com