As Catedrais xa loce a bandeira azul que lle concedeu un ano máis Adeac

As Catedrais xa loce a bandeira azul que lle concedeu un ano máis Adeac, ao igual que á praia de Illas-Castros. O acto central desenvolveuse en Augas Santas. Alí estiveron o alcalde, Fernando Suárez, as concelleiras de Praias e Turismo, Paz Ermida e Ana Martínez, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Ramón Acuña, veciños, socorristas e informadoras turísticas.

Suárez destacou a importancia que ten para Ribadeo a praia das Catedrais que segue a recibir recoñecementos de portais de internet que contan con milleiros de usuarios en todo o mundo.

O rexedor dixo: “chámanos a atención ver tantos medios de comunicación para un izado dunha bandeira azul, que levamos varios anos facendo, pero isto tamén quere dicir que As Catedrais é un reclamo a nivel internacional, que é unha honra para nós en Ribadeo, na Mariña, en Galicia e no Estado que se coñeza para ben esta praia. Ata hai 20 anos só catro persoas o sabían e agora xente de todo o mundo quere vir a Galicia expresamente ver As Catedrais, unha vez que pisan terra en Lavacolla, en Alvedro ou en Ranón o primeiro que queren facer é vir a unha praia que alguén lles contou que era unha marabilla”.

Suárez Barcia manifestou que “con esa intención nosoutros levamos anos dicindo que isto había que regulalo e hai que facelo dalgunha maneira, porque non podemos matar a galiña dos ovos de ouro, pero agora parece ser que isto é como cando un vai ao médico porque lle doe moito un brazo e despois de pedir vez durante seis meses cando lla dan lle din que a solución é a amputación sen máis. E nós pensamos que a solución non é a amputación, é facer as cousas con sentidiño, facer as cousas de maneira progresiva e dirixirse ao mundo nun código que se entenda. En ningún lugar do mundo civilizado se actúa, onde hai miles de persoas, con autorizacións administrativas como si se fose entrar na pirámide de Giset, nas Covas do Rei Centolo ou nas de Altamira.

“Onde entran miles de persoas, non se lle poden poñer portas ao campo, non se pode vir cunha autorización administrativa que agora o que está a provocar é un desacougo enorme en todo o sector servizos de Ribadeo, onde a xente non ten nin idea por moita publicidade que se pague nos medios de comunicación por parte da Xunta e onde si a xente de aquí non ten nin idea, non vos quero dicir a xente do resto mundo”.

Pola súa banda, tamén as praias de Portelo, Ril e A Marosa locen tame´n dende hoxe as bandeiras azuis concedidas por Adeac. Este mediodía tivo lugar o izado deses distintivos, que no caso do barco museo Reina del Carmen e da Aula Medio Ambiental Gaia realizarase dentro duns días.

O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “hoxe en Burela izamos as bandeiras azuis dado que comeza a tempada de verán con todas as garantías nas praias do Portelo, Ril e na Marosa. É un acto que creo que é importante para Burela dado que ven a distinguir as tres praias que temos con maior afluencia de xente. Isto quere dicir dalgún xeito que se están facendo as cousas ben no aspecto medioambiental”.

Os areais de Burela contan desde hoxe con servizo de socorrismo: “a partir de hoxe tamén, dado que temos o izado das bandeiras, poñemos en marcha o servizo de socorristas para estas tres praias, que tamén van ter outros servizos

O rexedor dixo que “este ano foi imposible, pero a partir do ano que vén posiblemente apliquemos a normativa europea 14.001 para os areais, que ven a superar un pouquiño ao que son as bandeiras azuis porque supón unhas obrigas, ter uns servizos e unhas garantías, que penso que van ser decisorias para que a xente veña pasar o verán a Burela”.

Alfredo Llano subliñou que “en Burela temos 6 bandeiras azuis concedidas: tres para as praias pero hai tamén outras tantas, que son para min moi importantes; unha é a de Gaia, que ven indicar que este servizo que ofrece o Concello está sendo estimado, tendo unha boa acollida e dende logo desenvolve unhas accións moi acordes co que debe ser o medio ambiente ben levado”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com