As Gándaras estrea pulmón verde con máis de 15.000 árbores

Máis de 15.000 árbores repartidas en 14 hectáreas, ese é o novo pulmón verde da cidade de Lugo, que estará situado no polígono das Gándaras, grazas ao programa municipal Lugo+Biodinámico, financiado con fondos europeos do Life. Esta foi unha das cuestións abordadas durante as reunións que mantiveron ao longo da mañá de hoxe na sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías os integrantes dos comités de dirección e de xestión e seguimento deste plan, que, dotado con un orzamento total de 3,5 millóns de euros e que conta coa colaboración das universidades de Santiago e Politécnica de Madrid e a Deputación de Lugo, inclúe novidosas iniciativas en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental.

A plantación das 15.000 árbores foi unha das accións do Life desenvolvidas o pasado ano. Deste xeito, sementouse un souto con 286 castiñeiros autóctonos en 3,6 hectáreas; 5.315 exemplares de pradairo, carballo, cerdeira e freixo en 4,1 hectáreas; cultivos enerxéticos (9.000 unidades de chopo e miscanthus giganteus –un pasto cun alto rendemento en biomasa- para a producción de biocombustibles sólidos en formato de estelas nunha hectárea de superficie; ademais de acondicionarse unha plantación única, con medio milleiro de árbores e arbustos autóctonos de 55 especies distintas, representativas de todos os bosques de Galicia en 5 hectáreas (denominada Arboretum).

Con estas iniciativas, e en xeral con toda as medidas incluídas no Lugo+Biodinámico, o Concello sitúase á vangarda da planificación urbana sostible e dun mellor aproveitamento forestal, o que mellorará a calidade de vida da veciñanza e abrirá novas oportunidades económicas.

Outras das accións que se levaron a cabo o ano pasado dentro deste plan foi a adhesión do Concello á iniciativa europea Pacto dos Alcaldes pola Adaptación ao Cambio Climático, ademais de acometerse traballos de conservación e recuperación do humidal das Gándaras e avanzar na súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

En canto ás próximas actuacións, planificadas nas reunións dos comités celebradas hoxe, destaca a elaboración dun catálogo de solucións de deseño urbano que contribúan a sostibilidade ambiental e a construción dun edificio con consumo enerxético cero.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com