" />

As traballadoras do servizo de limpeza do centro de Bonxe levan tres meses sen cobrar

A CIG-Servizos denuncia a crítica situación de tres traballadoras da empresa Edifica Vías e Infraestructuras SL que levan tres meses sen cobrar os seus salarios. Esta compañía, que ten adxudicado o servizo de limpeza do Centro Penitenciario de Bonxe (en Outeiro de Rei) e dunha oficina de Institucións Penitenciarias na cidade de Lugo, débelle as traballadoras as nóminas de xullo, agosto e setembro.

A empresa, que ten a sede en Alicante, pretende xustificar o impago alegando que Institucións Penitenciarias non lle ingresa a cantidade correspondente polo servizo e, ao tempo, a administración estatal asegura que non abona os cartos á empresa, porque esta non lle paga ás traballadoras. “É dicir, empresa e Administración bótanse as culpas mutuamente e mentres tanto quen sofre as consecuencias son as traballadoras, que non cobran pero teñen que seguir realizando o servizo e facendo fronte ás facturas e recibos”, advirte Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo.

Esta non é a primeira vez que se dá unha situación de impago neste empresa, pois xa en abril e maio as traballadoras tiveron que esperar dous meses para cobrar estas mensualidades.

A CIG fixo un requirimento á Institucións Penitenciarias para que actuara ante este flagrante incumprimento e lle rescindira o contrato a Edifica Vías e Infraestructuras por non respectar os pregos de condicións. Porén, o director do centro de Bonxe botou balóns fóra limitándose a dicir que se trata dun conflito entre empresa e traballadoras.

A central sindical tamén presentou a correspondente denuncia na Inspección de Traballo e á espera do que resolva este organismo “esixímoslle á empresa que abone de inmediato os salarios e á Administración que interveña para garantir os dereitos das traballadoras e que esta situación non se volva repetir”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo