Balseiro destaca o apoio da Xunta á innovación nas empresas para sumar as “posibilidades que ofrece a dixitalización”

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou hoxe que “todas as empresas, dende a máis grande á máis modesta, teñen un desafío e unha oportunidade de crecemento nas novas tecnoloxías, e a Xunta quere contribuír para que poidan sumar as posibilidades que ofrece a dixitalización”.

O delegado realizou estas declaracións no acto de clausura da Xornada sobre estratexias e innovación na nova economía dixital, que tivo lugar no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) das Mercedes impulsada por Triplem, colectivo que agrupa a empresarios de diversos sectores e procedencias.

Na xornada participaron unha quincena de expertos en estratexia dixital, produtos e mercados, internacionalización, automatización e robotización, ou formación, entre outros aspectos empresariais.

Balseiro explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria desenvolve ferramentas como o Plan Galicia Innova ou a Axenda da Industria 4.0, que engloban un conxunto de medidas destinadas a favorecer a innovación, a formación e a implantación de novos modelos de xestión e produción. Ademais, engadiu, “estamos a impulsar o establecemento de industrias tecnolóxicas, como é o caso do polo aeroespacial de Rozas na nosa provincia”.

O delegado lembrou que a Axencia Galega de Innovación pon a disposición do tecido produtivo servizos especializados de orientación nas novas tecnoloxías e distribúe axudas por valor de 6 millóns de euros para a posta en marcha de sistemas informáticos e plans de formación, tanto no campo da Industria 4.0 como da robótica, Big Data ou loxística.

O Goberno galego -afirmou Balseiro- basea a súa estratexia na colaboración entre administracións, universidades, centros de coñecemento e empresas, e fixo referencia aos novos ciclos que se implantan na Formación Profesional, adaptados ás demandas das empresas tecnolóxicamente máis avanzadas, ou ao grao universitario de Robótica -aplicada a solucións para o medio rural- que se inicia no Campus de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com