Balseiro explica á dirección e á ANPA do CEIP Casás a nova reforma do centro

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da dirección e da asociación de nais e pais do alumnado do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Casás, en Lugo, para explicarlles o proxecto de reforma integral do centro, que está en proceso de licitación e conta cun orzamento de 827.000 euros.

Balseiro sinalou que as obras terán un prazo de execución de tres meses e a previsión é acometelas durante as vacacións de verán. Afectarán ás catro edificacións que conforman as instalacións educativas e buscan incrementar o confort e os servizos ao tempo que se mellora a eficiencia enerxética. Estímase que a intervención logrará un aforro medio de case o 70% no consumo enerxético anual (69,6%), e do 68% nas emisións de dióxido de carbono á atmósfera.

O CEIP de Casás conta cunha superficie construída total de 3.252 metros cadrados, e unha superficie útil de 2.865 metros cadrados, disposta en catro edificios -tres de planta baixa e o principal, de dúas plantas- máis o pavillón de deportes.

Para lograr estes niveis de eficiencia enerxética intervirase nos catro bloques que acollen as aulas, actuando sobre o illamento da cuberta e da  fachada e substituíndo as carpinterías e a iluminación; as luminarias existentes cambiaranse por outras de baixo consumo e incluirase   a instalación de regulación lumínica e detectores de presencia nas zonas comúns.

Así mesmo, vanse executar obras de mellora nos catro bloques. O bloque principal acolle despachos, a cociña, o comedor, aulas de infantil e primaria, a de informática e a biblioteca. Vanse reformar os aseos, o chan das aulas de infantil e pintarase todo o interior. Ademais, entre outras melloras, redistribuirase a antiga vivenda do conserxe para construír  vestiarios e aseos para o persoal da cociña, un local para a ANPA e outros servizos.

As actuacións no bloque que alberga o ximnasio, aula de música e unha aula de primaria incluirán a reforma do aseo e das carpinterías e o pintado do interior. No edificio das aulas de primaria reformarase o vestiario para dar lugar a tres aseos, un deles accesible, e acondicionarase un almacén que pasará a ser unha aula, ademais doutros traballos de adecuación de ocos e pintura. Por último, hai un cuarto bloque con dúas aulas de infantil no que tamén se realizarán traballos de reforma de aseos e pintura, entre outros.

O delegado territorial subliñou “o esforzo inversor” que está a realizar a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional “para que as instalacións educativas estean nas mellores condicións de uso para o alumnado e o profesorado”, e tamén para  “avanzar nunha xestión intelixente da enerxía, respectuosa co medio ambiente, propiciando un consumo responsable nas edificacións, infraestruturas e servizos públicos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo