Balseiro lembra que a Xunta mellorou o abastecemento do rural aínda sen competencias

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro lembrou no transcurso dunha reunión coa plataforma Lugo en pé, en defensa do rural promovida pola Federación Provincial de Asociacións de Veciños, que as obras e servizos de saneamento e abastecemento son unha competencia exclusiva municipal e a pesar disto, desde o ano 2009 a Xunta de Galicia ten destinado a este fin máis de 17 millóns de euros. Unha cantidade, que segundo o delegado é “notablemente superior” aos 4 millóns de euros que a Xunta ten recadados desde a entrada en vigor do canon de auga, en 2012.

A maiores destes recursos, Balseiro explicou tamén que cada ano o Concello de Lugo recibe unha achega de 2,8 millóns de euros da Xunta, a través do Fondo de Cooperación Local, (máis de 22 millóns de euros nos últimos sete anos) que o Goberno municipal pode investir naquilo que considere oportuno, por exemplo, dando prioridade ao financiamento de novos proxectos de abastecemento e saneamento no rural, tendo en conta o enorme déficit que presenta este espazo, con máis do 85% das parroquias carentes deste servizo, o que o converte no concello da provincia en peor situación.

A Xunta amósase disposta a seguir colaborando neste ámbito pero pide ao Concello de Lugo maior seriedade e concreción á hora facer efectivos os seus compromisos co impulso de novas obras hidráulicas no rural lucense.

“Ata o de agora sabemos que o Concello di que ten consignados uns 300.000 euros en 2018, unha cantidade que parece manifestamente insuficiente tendo en conta a magnitude das obras a executar, pero nin explican a que proxectos concretos destinarán a estes recursos, nin en que parroquias, nin establecen un plan de investimentos plurianual que indiquen que cantidades teñen previsto destinar a estes proxectos, dificultando así a negociación coa Xunta”, dixo Balseiro.

Para a Xunta é incomprensible que o Concello de Lugo precise da asistencia continua da Xunta para facer fronte ás súas competencias e que intenten depositar na Xunta a responsabilidade de dar un servizo local á súa veciñanza, con todo, o Goberno galego non pecha as portas a seguir colaborando neste ámbito como fai noutros concellos, “como fixemos ata o de agora con máis de 17 millóns de euros en axudas”, pero deixando claro “que esta é unha competencia municipal da que nin poden, nin deben seguir desatendendo desde o Concello”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com