" />

Balseiro sinala que a declaración do Xeoparque Mundial son “fitos” para o despegue turístico dos Ancares-Courel

As montañas dos Ancares e o Courel deron “pasos decisivos para o seu despegue turístico” no ano 2019 coa declaración de Xeoparque Mundial por parte da Unesco e a creación do xeodestino. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que ambos foron “fitos que deben marcar un antes e un despois na proxección desta extensa zona da provincia”.

Balseiro realizou estas declaracións no stand da Xunta en Fitur, no marco das presentacións do xeoparque, que integran as montañas de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, e do xeodestino Montañas Lucenses dos Ancares e O Courel, do que tamén forma parte Folgoso do Courel xunto cos da Fonsagrada, As Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Triacastela e Samos.

Polo que respecta á declaración do xeoparque, o delegado destacou que foi “froito do esforzo dos concellos integrantes e a ilusión dos veciños e veciñas, apoiados pola Xunta a través do Grupo de Desenvolvemento Rural”, e lembrou que a Xunta “redobra, se cabe, a aposta por este territorio”, impulsando accións de sinalización, a ampliación do Museo da Xeoloxía (en Quiroga) ou elaborando un Plan de Dinamización Turística que xa está en marcha, entre outras medidas.

No tocante á creación do xeodestino Ancares-Courel, Balseiro afirmou que “un dos retos que nos propuxemos nesta lexislatura foi precisamente estender o mapa de xeodestinos activos na provincia de Lugo”. Nesta liña, apuntou que “a presencia destacada hoxe en Fitur é boa proba da potencialidade do xeodestino, da vantaxe de sumar esforzos”, e avanzou o apoio da Xunta para promover turísticamente “o maior espazo natural de Galicia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo