BNG-AA e ACE solicitan ás institucións que presionen á Abanca para frear o peche da gardería do barrio do Sagrado Corazón

A Fundación ABANCA ten previsto o peche  da gardería da que é titular no barrio de o Sagrado Corazón debido á baixada de solicitudes de nenos/as para cubrir as prazas vacantes. Dende o BNG Asambleas Abertas e ACE consideran un problema grave este peche xa que supón a perda de postos de traballo nun momento moi complicado para os traballadores e traballadoras polos efectos da crise económica, e supón tamén a perda de prazas en escolas infantís para nenos de ata 3 anos, nunha cidade onde a demanda de prazas supera claramente a oferta. Centos de nenos quedaron sen praza pública en Lugo para o vindeiro curso. Segundo declaracións de Rubén Arroxo, concelleiro electo de BNG-Asambleas Abertas “se esta entidade bancaria, que manexa fondos de moitos miles de lucenses, continúa a retirar servizos deste concello as institución públicas serán as primeiras que teñen que tomar medidas” e engadiu que “se ABANCA pecha a gardería do Sagrado Corazón o concello terá que reconsiderar as súas relacións con esta entidade bancaria”.

Asemade Carlos Portomeñe, concelleiro electo de ACE considera,  “inxustificable que Abanca peche a escola infantil do barrio do Sagrado Corazón logo de anunciar que en 2014 obtivo un beneficio, despois de impostos, de 1.157 millóns de euros. Neste sentido, Portomeñe, salienta que “Abanca ten un compromiso histórico con Lugo, porque a obra social de Caixa Galicia en Lugo creouse cos aforros de miles de lucenses durante décadas. Hai que lembrar que Novagalicia Banco, despois de ter sido rescatada con 9.500 millóns de euros de fondos públicos e nacionalizada a través do FROB, foi vendida a prezo de saldo ao grupo venezolano Banesco, que ofreceu por ela 1.030 millóns de euros”.

Tanto un como o outro representante político instaron a concello e deputación á que tomen as medidas necesarias para asegurarse que esta infraestrutura escolar non remata pechada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com