O BNG denuncia o “escurantismo” co que o goberno local trata o tema do transporte urbano

BNG – AA no concello de Lugo, a través do seu voceiro Rubén Arroxo, denunciou o “escurantismo co que o goberno municipal segue a tratar todo o relacionado co novo contrato coa empresa que se encarga do transporte urbano de pasaxeiros”. Arroxo advertiu que “o goberno non convocou aos grupos da corporación, a pesares do acordo unánime do pasado pleno, para falar sobre o deseño das novas liñas de bus urbano”. No pleno da corporación do mes de setembro aprobouse unha iniciativa dos nacionalistas para que, en menos de 15 días, se convocase a todos os grupos para traballar sobre o que será o novo deseño das liñas de buses.

Arroxo lembrou que as novas liñas de buses xa debería estar aprobadas no pasado mes de xuño e “a día de hoxe nin a veciñanza de Lugo, nin os grupos políticos da corporación, sabemos cal vai ser o deseño do servizo de buses para o futuro”. No pasado mes de xuño o goberno municipal viña de anunciar que acababa de rematar o proceso de deseño de novas liñas de buses “mais a realidade é que a día de hoxe esas novas liñas son descoñecidas” asegurou Arroxo.

“Os grupos da oposición aínda non recibimos ningunha información oficial ao respecto, e os rumores existentes a respecto das novas rutas son que, non só non van mellorar a situación actual, senón que a van empeorar” asegurou o voceiro nacionalista. A zona rural seguirá totalmente esquecida, non se incrementa a cobertura nesta parte do municipio, e a maiores semella que parroquias como as de Muxa ou Castelo van ver empeorado o seu servizo.

“Malia as constantes peticións feitas dende os diferentes grupos políticos, con acordos plenarios incluídos, non se fixo nada ao respecto e a situación segue a ser a dunha posición de escurantismo total sobre como vai quedar este servizo” afirmou Arroxo. “A veciñanza de Lugo ve como este novo deseño de rutas se pode converter nunha nova oportunidade perdida para mellorar a situación da mobilidade de Lugo, algo que se suma aos problemas existentes como a falta de aparcadoiros nas proximidades do casco histórico” concluíu o voceiro do BNG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com