O BNG fai un desbroce simbólico no enlace do paseo do Miño co paseo do Rato

Militantes e simpatizantes do BNG de Lugo, reuníronse para limpar de maleza o tramo de camiño que une o paseo do Miño co do Rato. O voceiro nacionalista no Concello de Lugo, Ruben Arroxo lembrou que a principios de agosto “reclamamos por última vez que se fixera o desbroce nesta zona” pero “a día de hoxe non se fixo nada”. O sendeiro que está situado paralelo á N-VI estaba practicamente pechado pola maleza, causando molestias as centos de persoas que diariamente se moven pola zona. Rubén Arroxo, sinalou que dende o seu grupo “demandamos en numerosas ocasións que se fixera unha limpeza da maleza pero parece que ninguén actúa e por iso decidimos facer esta acción”.

O concelleiro do BNG explicou que “non é aceptable que se deixe pechar o camiño pola maleza; nestes momentos, non era posible cruzarse dúas persoas, nun sendeiro que cando está limpo ten un ancho cómodo e seguro”. Cómpre ter en conta que é un tramo curto de en torno a 300m, “e que non supón ningún esforzo económico para a administración mantelo despexado”. O portavoz nacionalista lamenta o pouco interese que teñen as diferentes administracións nas zonas verdes do municipio “temos o luxo de vivir nunha cidade rodeada de espazos que son unha autentica marabilla, mais a pesar disto as administracións fan moi pouco por mantelas atendidas” explicaba o concelleiro do BNG.

O BNG tamén quixo lembrar a existencia dun acordo plenario de decembro do 2015 “o pleno municipal aprobou por unanimidade unha proposición do BNG para instar ás diferentes administracións que se faga un mantemento constante e un arranxo das deficiencias destes sendeiros, que son un espazo de ocio da veciñanza de Lugo, o certo é que precisamente dende que se deu este acordo, é cando menos atención se lle está a dar” , concluiu o portavoz nacionalista.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo