O BNG propón a creación dun Centro de Interpretación no Hórreo de Navia

O voceiro do BNG en Navia de Suarna anunciou a presentación dunha iniciativa para ser tratada no pleno do Concello na que se propón dotar, con recursos propios ou en colaboración con outras administracións, ao hórreo situado xunto á Ponte Vella, na vila de Navia, do mobiliario, material divulgativo e persoal necesario, para localizar nel o Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera dos Ancares e convertelo nun punto de información e divulgación cultural e turística do concello e da comarca.

Roberto Carballo, voceiro do BNG en Navia de Suarna, lembrou que o 28 de febreiro de 2014, a Deputación de Lugo anunciou a rehabilitación do hórreo situado a carón da Ponte Vella, na vila da Pobra de Navia, para convertelo nun Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera dos Ancares. Este hórreo, con máis de 200 anos de antigüidade, mantén a estrutura tradicional dos hórreos da zona pero coa peculiaridade de contar cuns altísimos piares de pedra que o elevan máis de 5 metros sobre o río Navia.  Formando deste xeito,  xunto coa Ponte Vella e o Castelo, un conxunto patrimonial que é marca de identidade do noso concello.

Os traballos, que custaron máis de 50.000 euros, xa remataron hai máis de dous anos. Segundo o concello, a finalidade desta rehabilitación era dotar estas instalacións de electricidade, colocar no seu interior pantallas e  diferente material informativo para a divulgación da riqueza paisaxística e medioambiental dos Ancares lucenses dixo Roberto Carballo que pediu a apertura deste centro de interpretación para que o investimento realizado teña repercusión na comarca. O BNG de Navia considera positiva a rehabilitación deste hórreo e a súa utilización para coñecer, interpretar e divulgar a historia, o patrimonio e a riqueza natural da Comarca dos Ancares. Labor que se debería realizar en contacto coas entidades e persoas que están traballando ou interesadas na conservación do patrimonio e a identidade da montaña luguesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo