O BNG proporá a declaración do 24 de febreiro como o día de Rosalía de Castro

O BNG-AA levará ao pleno da corporación unha proposta para que o 24 de febreiro sexa declarado como Día de Rosalía no concello de Lugo. “Trataríase de celebrar a data de nacemento da escritora como se merece, programando actos conmemorativos que resalten a súa figura” sinalou Maite Ferreiro. Ademais, na iniciativa do BNG, tamén se solicita emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello o 24 de febreiro. Dende o BNG sinalaron que “esta data xa foi recollida oficialmente pola Consellería de Cultura no seu Calendario do Libro e da Lectura”. 

Maite Ferreiro sinalou que Rosalía de Castro foi veciña de Lugo e viviu preto da intersección da rúa das Nóreas con San Pedro entre os anos 1864 e 1868 ademais é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento. 

A obra de Rosalía é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com