O Bono Autónomo e a Tarifa Plana, claves na actividade económica de Lugo

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na cidade lucense nunha xornada informativa sobre as liñas de financiamento para empresas e emprendedores da Xunta na que puxo en valor, entre outras ferramentas, a Estratexia Autónomo 2020 que, cun orzamento de 160 millóns de euros para os vindeiros catro anos, pretende axudar a 40.000 persoas pertencentes a este colectivo.

Toca explicou que a Xunta está a poñer ao alcance deste sector as maiores facilidades para que poidan seguir emprendendo e crecendo. A folla de ruta inclúe 20 medidas a día de hoxe practicamente executadas ao 100%: 9 de cada 10 euros dos fondos previstos nesta planificación, dotada con 40 millóns ano ano, xa están activados e nas próximas semanas completaranse coa posta en marcha doutras medidas como as axudas para colaborar na conciliación da vida familiar tras o permiso de maternidade ou paternidade ou o programa de relevo xeracional para garantir a continuidade dos negocios que son solventes e favorecer a incorporación da mocidade ao emprego autónomo.

Outras medidas ás que se referiu a secretaria xeral e que neste caso xa están en activo son o Bono e a Oficina do Autónomo e a tarifa plana. Con respecto, ao Bono lembrou que está destinado a axudar a consolidar os negocios cunha axuda máxima de 3.000 euros para os traballadores que leven, polo menos, 42 meses de actividade para reforzar a profesionalización do seu negocio e a mellora da competitividade.

A tarifa plana, pola súa banda, beneficiará con 3 millóns a 6.000 persoas, que poderán manter durante medio ano máis a cota reducida á Seguridade Social pagando, deste xeito, só 50 euros durante o seu primeiro ano de actividade. A Oficina do Autónomo recolle todos os servizos destinados aos autónomos converténdose nun punto de información e de xestión integrado, “unha verdadeira oficina virtual” que conecta coa sede electrónica da Xunta.

Reforma 17

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e en colaboración coa Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco) pon en marcha unha nova convocatoria do plan Reforma 17, co obxectivo de facilitar a modernización de cociñas e baños nos fogares galegos e dinamizar, ao mesmo tempo, a actividade e o emprego entre as pemes e os autónomos da construción.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen indicou que os beneficiarios poderán obter rebaixas do 40% nos custos de produtos e mobiliario de cociñas e baños, dado que ao 20% que aporta a Xunta en axuda directa se suma outro desconto do 20% a facer polas empresas adheridas ao programa.

Como na anterior edición, o custo mínimo dos produtos adquiridos ao abeiro do Reforma 17 será de 1000 euros, e as axudas públicas oscilarán entre un mínimo de 200 e un máximo de 1000 euros. A previsión é que esta terceira edición permita mobilizar 20 millóns de euros no sector.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com