Bota a andar o VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia da USC en Lugo

Este luns inaugurouse o VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia no que ao longo desta semana 150 alumnos e alumnas preuniversitarios poderán tomar parte en obradoiros e proxectos científico-técnicos nos que coñecer de primeira man a oferta formativa e as liñas de investigación do Campus Terra.

No marco do programa deste ano, unha das principais novidades é a actividade ‘Aprendendo a construír vídeos contra o ciberbullying’, coordinada por Mari Carmen Caldeiro Pedreira, na que se abordará como o uso indiscriminado dos teléfonos móbiles e da tecnoloxía por parte das novas xeracións deriva ás veces en fenómenos coma o ciberbullying ou acoso virtual. Neste obradoiro, aprenderase a combater o ciberbullying coas súas propias armas, a través da construción de pequenos vídeos que permitan facer conscientes ás rapazas e aos rapaces de como se detecta e como se intervén sobre esta nova forma de acoso.

A colaboración do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC constitúe outra das novidades desta sétima edición de XuvenCiencia. Baixo a coordinación de Martín Santamarina García, o proxecto ‘Explora o teu ADN: introdución ao mundo da xenómica’ permitirá ao alumnado participante experimentar como traballa un investigador dedicado ao estudo do ADN.

Ademais, esta nova edición do Campus Científico de Verán eríxese na máis sustentable de todas as celebradas ata o de agora xa que aspira a reducir de modo substancial os residuos de plásticos grazas á colaboración da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra BioReDes, a cal agasalla ao alumnado participante con cantimploras para que non teñan que facer uso de botellas de plástico.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com