Burela homenaxea ás mulleres caboverdianas este sábado

Burela acollerá a primeira gala solidaria Djunta Mô (Xuntar as mans, axudarse unhas a outras) co obxectivo de recadar fondos para enviar un contedor de material escolar e sanitario a Porto Mosquito, Cabo Verde; así como para homenaxear ás mulleres caboverdianas, matriarcas dos seus na diáspora de Burela e embaixadoras de luxo da cultura do seu país. A gala terá lugar este sábado 28 de decembro a partires das 20 horas na Casa da Cultura da localidade mariñá.

O espectáculo, presentado por Rosalía Castro, contará coa participación das Batuko Tabanka, acompañadas polo grupo burelense – caboverdiano Banda Krioula así como dun gran número de artistas convidadas: Guadi Galego, Ugia Pedreira, Lola de Ribeira, Moreninhas e Álex Djimmy.

A de Álex Djimmy será unha actuación moi especial, xa que se trata dun artista que vén expresamente de Cabo Verde, cuxo pai é mariñeiro residente en Burela, e que está a pasar por unha situación ben complexa: comezou a perder visión aos 17 anos, en Cabo Verde non foron quen de diagnosticalo e actualmente é invidente. Aproveitando a celebración da gala, a organización confía en poder axudalo a ter unha segunda opinión médica.

Tanto a gala como o resto de actividades que se realizarán durante toda esta semana (obradoiros de batuko, audiovisual, fotografía, gastronomía, muralismo…) están organizadas polo Colectivo Cultura Tabanka coa colaboración do Concello de Burela, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, da Asociación Cultural Fanto Fantini e da ACIA Burela, con hostaleiros que realizarán unha xornada de tapas caboverdianas o xoves 26 de decembro.

A organización agradece a colaboración altruísta das artistas e de todas as persoas asistentes (os 10€ do bono-axuda serán destinados integramente ás causas citadas). Tamén haberá fila cero para as persoas que queiran colaborar e non poidan asistir á gala.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com