Candia apoia “clara e contundente” as reivindicacións  de labregos e gandeiros contra a lexislación da UE

Nun acto celebrado esta tarde con persoas da zona rural os candidatos populares ás vindeiras eleccións autonómicas afirmaron que “ninguén pon en dúbida a necesidade de seguir modernizando o sector primario”, pero recalcando que “o que precisan neste momento os nosos gandeiros e agricultores é que non se aplique unha lexislación que os prexudica”.

A cabeza de lista por Lugo e presidenta provincial, Elena Candia, explicou que “a moratoria que pedimos dende o Partido Popular deberá manterse ata que se teñan claras as consecuencias desta nova lexislación permitindo unha aplicación progresiva e adaptada ás particularidades de cada territorio, tal e como demandou Galicia durante a propia negociación da nova PAC, xunto ao resto das CCAA cantábricas e sempre en consenso coas principais organizacións agrarias galegas”.

Pola súa banda, o número 3 por Ourense e responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, manifestou que “xa advertimos cando se empezou a negociar a PAC que as lexislacións non se adaptaban ao noso territorio”

Os candidatos populares consideran que o papel do goberno de Sánchez é  decepcionante “non é o momento de calar, senón de actuar” aclarando que “deberían liderar as demandas do sector en Europa”.  González resumía as cifras que avalan os bos resultados dos instrumentos que brinda a Lei de recuperación agraria indicando que “téñennos permitido mobilizar desde 2020 máis de 35.000 hectáreas en toda a comunidade galega. Tamén destacou que a provincia de Lugo conta con cinco aldeas modelo declaradas que nos están permitindo mobilizar máis de 415 hectáreas – unha máis en fase de recollida – e ata cinco polígonos agroforestais”.

Tanto a cabeza de lista por Lugo e Presidenta Provincial, Elena Candia,  como o candidato por Ourense José González, explicaron que “a posta en valor das nosas producións de calidade é outra das prioridades do Partido Popular” destacando “as estratexias dos sectores lácteo e cárnico, que nos teñen permitido poñer á disposición dos nosos gandeiros sendas aplicacións para calcular os custos de produción”.

Por último, pediron o voto para o Partido Popular xa que “con Rueda como Presidente da Xunta se seguirá avanzando a través da calidade coa Lei da calidade alimentaria, xa en vigor, ademais de habilitar axudas para promocionar os produtos galegos en mercados locais, fomentar a súa comercialización como produto de proximidade e de confianza”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com