Carrefour terá que ampliar a xornada dun traballador e pagarlle unha indemnización de máis de 6000 euros

O xulgado do Social nº 2 Lugo vén de recoñecer o dereito dun traballador de Carrefour a ampliar a súa xornada laboral das 24 horas semanais ás 39 horas, e condena á empresa a abonarlle unha indemnización de máis de 6000 euros en concepto de lucro cesante, pola diferenza entre o que cobrou e o salario que cobraría se prestara o seus servizos a xornada completa.

O traballador afectado, segundo explican dende a CIG, leva prestando servizos para o Centro Comercial Carrefour Lugo a tempo parcial dende o ano 2004, cunha xornada semanal de 24 horas. Tomou a decisión de presentar denuncia en marzo de 2018, despois de terlle solicitado á empresa que se lle ampliara a xornada até en tres ocasións entre maio de 2016 e novembro de 2017. Non obstante, a cada unha das peticións, a compañía respondeu con silencio e iso a pesar de que nese período se produciran varias vacantes e novas contratacións neste centro de traballo.

O convenio colectivo de grandes almacéns establece no seu artigo 9 que, no caso de incremento do cadro de persoal ou de existir vacantes a cubrir os traballadores con contratos a tempo parcial terán preferencia sobre as novas contratacións a tempo completo.

“Porén, Carrefour non só non lle ofreceu a posibilidade de ampliar a súa xornada laboral ás 39 horas semanais, senón que nin sequera lle contestou ás solicitudes, nin tampouco xustificou a realización doutros contratos”, denuncia a CIG.

Por todo iso, o xulgado recoñece o dereito do traballador a ampliar a xornada de traballo con efectos económicos dende o 30 de novembro de 2017, data na que presentou a última solicitude á empresa, e condena a Carrefour a abonarlle, ademáis unha indemnización duns 6000 euros.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Anónimo
    Mai 26, 2021 - 03:19 PM

    ¡Coño! Xornal de Lugo faise Eco dun dereito dos traballadores, e por un momentiño esquece as “cousiñas” do PP de Lugo.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com