" />

Castiñeira afirma que a Confederación cifra en só 15.000€ o custe dos estudos pendentes do PXOM

O voceiro popular Jaime Castiñeira afirma que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil cifrou en só 15.000 euros o custe dos estudos hidráulicos e inundabilidade así como o grafiado dos ríos, pendente para a aprobación do 100% do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo.

Nesa liña, o popular salienta que “a reunión celebrada esta mañá na sede deste organismo en Ourense serviu para ratificar o que tantas veces viñemos dicindo dende o Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo: que o custe económico de realizar estes traballos era moito menor do que malintencionadamente dicía o goberno municipal, xa que o voceiro socialista chegou a afirmar que asumir o grafiado tería un impacto duns 500.000 euros para as arcas municipais”.

“É dicir, custa 30 veces menos do que os socialistas dixeron que suporía”, resume Castiñeira, segundo os datos técnicos que manexa a Confederación, ao tempo que critica que “por unha contía de 15.000 euros bloqueáronse investimentos que reforzarían ademais a consolidación e a creación de emprego en sectores tan castigados pola crise”.

O voceiro popular asegura que “novamente, a realidade volve desmentir ao goberno municipal tal como se puxo de manifesto na xuntanza de hoxe, quen ten que asumir este traballo é a administración municipal, que non vai facer nada que non tivera que facer dende o primeiro momento”.

“Ao final o goberno local vai facer o que leva dous anos dicindo que non faría e agora asegura que o fará por non ralentizalo, o que non deixa de ser a saída fácil dun mal alumno”, subliña o voceiro popular.

Jaime Castiñeira destaca que na reunión os técnicos presentes explicaron que “dado que o Concello de Lugo ten competencias en materia de Urbanismo e dado que este documento -o Plan Xeral- forma parte desa atribución, é evidente que si teñen competencias”, polo que asegura que “o que ocorre é que o goberno municipal confunde ser incompetente con non ter competencias”.

No transcurso da xuntanza tamén se lle indicaron aos representantes da administración municipal, as diferenzas que existen entre os deslindes do dominio público hidráulico e os estudos de inundabilidade.

Así mesmo, o popular indica que “Lugo e os lucenses levan dous anos perdidos polo capricho e a cabezonería do goberno municipal por non sentarse a dialogar coa Xunta de Galicia e coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para saber exactamente que era o que se lle requería”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo