" />

Castiñeira propón cambiar o uso da biblioteca da Piringalla por un espazo multifuncional

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciou esta mañá en rolda de prensa que en caso de ser elixido alcalde retomará as obras da biblioteca da Piringalla, paralizadas dende hai máis de tres anos, co obxecto de rematar esta dotación “que debería levar moitos meses finalizada”.

Tal como explicou o popular, “o primeiro que hai que facer é tomar unha decisión coa estrutura actual”, xa que “deixar pasar o tempo, como fixo o actual goberno municipal, sen facer nada non vai resolver o problema senón que vai encarecer o seu arranxo”. Nesa liña, destacou que “o que fixo evidente a xestión dos socialistas é, de novo, a súa falta de proxecto de cidade e a súa incapacidade de planificar as súas intervencións”.

Castiñeira afirmou que “dende o Partido Popular si temos moi claro que os veciños deste barrio da zona norte da cidade merecen un espazo de cultura, lecer e de tipo educativo”, que funcione de xeito “complementario” a outras dotacións municipais do barrio, como o centro de convivencia María Balteira ou a Casa das Linguas.

Nese senso, Jaime Castiñeira detallou que “se o PP goberna Lugo engadiremos ao uso previsto de biblioteca outras utilidades que permitan converter ese espazo nun entorno de convivencia, coa creación de áreas integrais de educación como unha ciberaula onde os máis novos poidan aprender un manexo seguro das redes sociais, e cunha plataforma online propia; un laboratorio de idiomas para os pequenos; ou aulas de reforzo escolar ou de lecer, ademais de en materias como as artes escénicas, comunicación ou orientación e resolución de conflitos, con soporte psicopedagóxico e social.

Así mesmo, indicou que “podemos e debemos compatibilizar os usos educativos e lúdicos con outros estritamente culturais”, de xeito que o Concello reforce o seu papel de axente conciliador da vida laboral e familiar, “garantindo ás familias un lugar de acollida para os seus fillos, ao tempo que se favorece o seu acceso á cultura”.

Ademais, Jaime Castiñeira insistiu en que defende unha “optimización e racionalización” dos edificios públicos municipais, polo que avoga por “xerar espazos de convivencia social con usos diversos e complementarios, que nos permitan gañar en utilidades sen incrementar custes”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo