CCOO denuncia unha redución da contratación de verán en Correos na provincia de Lugo

O sindicato CCOO denunciou este martes unha importante redución da contratación de reforzo para a campaña de verán de Correos na provincia de Lugo con respecto a 2025, unha situación que, segundo asegura, afecta especialmente a localidades como Lugo, Monforte, Quiroga e Foz.

Segundo a organización sindical, o recorte prodúcese nun período de vacacións no que aumenta a carga de traballo debido ao incremento da poboación estival, da paquetería e dos servizos que presta a empresa. CCOO sostén que esta decisión incrementa a presión sobre o persoal e pode repercutir na calidade do servizo postal, con posibles atrasos e unha maior acumulación de envíos.

O sindicato considera que esta política responde a unha estratexia de redución de custos laborais e cualifica de contraditorio que se leve a cabo nun momento no que Correos presentou no seu Informe Anual de 2025 un beneficio de 11,5 millóns de euros. CCOO afirma que parte deses resultados se obtiveron mediante a venda de patrimonio e a contención do emprego.

Ademais, a central sindical sinala que a empresa pública continúa mantendo elevados niveis de temporalidade, postos pendentes de estabilización e unha oferta pública de emprego paralizada dende hai catro anos.

Ante esta situación, CCOO reclama a Correos que recupere os niveis de contratación necesarios para cubrir vacacións e ausencias, reforzar os cadros de persoal e garantir un servizo postal público de calidade na provincia de Lugo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com