" />

Celebración do 192 aniversario da creación da Policía Nacional

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, presidiu esta mañá, na Comisaría Provincial, o acto conmemorativo do 192 aniversario da creación da Policía Nacional e destacou o papel deste Corpo como “garante da pervivencia do sistema democrático, garantindo a orde pública e defendendo os dereitos e liberdades do conxunto da cidadanía”.

Á celebración asistiron o comisario xefe provincial, Manuel Teijeiro; o comisario xefe de Operacións, Antonio Villamarín; o xefe da Comandancia da Garda Civil en Lugo, o tenente coronel Miguel Ángel González Arias; o xefe segundo da Policía Autonómica, José Ramón Fernández; o xefe da Policía Local de Lugo, Manuel Méndez; o subdelegado de Defensa, Ricardo J. Suárez, ademais do xefe da Comisaría de Monforte, o xefe en funcións da de Viveiro, e outros mandos da Policía Nacional na provincia.

No transcurso do acto procedeuse á entrega de diplomas acreditativos a quince policías nacionais xubilados en recoñecemento ao labor que prestaron durante os anos de servizo, en defensa do libre exercicio dos dereitos e liberdades e para garantir a seguridade cidadá. Trátase dos inspectores xefe Francisco González Borrajo, Manuel Merillas Almazán, Marino Veiga Coedo, Juan José Cinza Díaz; o subinspector José Fernández Fernández;  o oficial José García Valiña; e os policías Ángel Souto Meilán, José Luis Rivera Casanova, Román Vázquez Castro, Jaime Rodríguez Arias, Rosendo Rodríguez Díaz, Jesús Gavieiro Teijeiro, José García Varela, Servando Manuel Gato García e José María Goás Pernas.

Ramón Carballo recoñeceu e valorou  o traballo da Policía Nacional -nomeadamente dos axentes que prestan, ou teñen prestado, servizo nas comisarías de Lugo, Viveiro ou Monforte- dos que salientou que “dedicades as vosas vidas a salvagardar a seguridade, a tranquilidade e a convivencia pacífica dos vosos concidadáns, o que vos fai merecedores do agarimo, a admiración e o respeto do conxunto da sociedade”.

Os 192 anos de historia sérvenlle a Policía Nacional, continuou o subdelegado, “para dotar ao Corpo de experiencia e para consolidar uns valores que se foron forxando ao longo de anos de esforzo, sacrifizo e heroísmo, o que vos dá a forza necesaria para proxectarvos hacia o futuro e asumir os novos retos e ameazas”. Entre esas ameazas destacou a que representan quenes “pretenden acabar cos nosos sistemas democráticos de liberdades e de dereitos, cos sistemas que conforman sociedades en paz”.

O subdelegado do Goberno animou aos membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na provincia a seguir traballando coa “profesionalidade que sempre demostrades” e lembrou a aprobación a finais do ano pasado por parte do Consello de Ministros dunha oferta de emprego público que vai fixar unha tasa de reposición do 100% dos efectivos dos Corpos de Seguridade do Estado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo