" />

Celebrada unha reunión para abordar a seguridade do XXXVII Rallye San Froilán

A Subdelegación do Goberno acolleu esta mañá unha reunión técnica en materia de seguridade previa á celebración da 37ª edición do Rallye San Froilán, que se desenvolverá os vindeiros días 23 e 24 deste mes de outubro e que discorrerá polos concellos de Outeiro de Rei, Begonte, O Corgo e Pol, con parque pechado no aparcadoiro do CC As Termas, en Lugo.

Na xuntanza informouse á Escudería Miño –organizadora da competición- das súas responsabilidades na posta a punto para a celebración do rallye. Lembrouse, neste sentido, que é a escudería a responsable de deseñar e velar polo cumprimento dun plan de seguridade que perfile os medios sanitarios dispoñibles, o itinerario de evacuación para cada tramo e os lugares prohibidos aos espectadores, entre outros aspectos. No encontro desta mañá analizáronse tamén as medidas especiais de regulación e ordenación de tráfico que deben establecerse nos concellos polos que discorre a proba, co fin de minimizar as afectacións de estradas e de habilitar desvíos alternativos.

Para garantir o cumprimento das normas, e con elo a seguridade tanto dos participantes na proba deportiva como dos espectadores e condutores que se despracen pola zona, a organización mobilizará a numeroso persoal técnico, que contará co apoio das forzas de seguridade e de Protección Civil.

Así, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado despregarán un amplo dispositivo. Medio cento de axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil auxiliarán aos organizadores do rallye nos labores de controlar que os tramos se pechen e abran nos horarios establecidos, evitar o paso de vehículos non autorizados aos tramos cronometrados ou informar aos condutores dos itinerarios alternativos, entre outras cuestións. Todo co ánimo de garantir a seguridade e mobilidade da circulación que discurra polas vías afectadas polo rallye, tanto en tramo de velocidade como nas vías de enlace.

A Comandancia da Garda Civil despregará, de igual xeito, 24 efectivos da especialidade de Seguridade Cidadá co obxecto de previr a comisión de posibles feitos delictivos e controlar a orde pública.

CARACTERÍSTICAS DA PROBA

A trixésimo sétima edición do Rallye San Froilán celebraráse os vindeiros días 23 e 24 deste mes, coas verificacións e a competición propiamente dita, respectivamente. O día 25 terá lugar a entrega de trofeos.

A proba consta dun percorrido total de 345,87 quilómetros, dos que 88,65 corresponden a 8 treitos cronometrados por estradas asfaltadas e pechadas ao tráfico, e é puntuable para o Campionato Galego de Rallyes sobre asfalto, entre outras competicións.

RECOMENDACIÓNS AOS ESPECTADORES

Na xuntanza insistiuse na necesidade de lembrar aos afeccionados a importancia de situarse lonxe da posible traxectoria dunha saída de vía dos participantes e non situarse diante de lugares sólidos como muros de pedra, valados, coches, árbores ou colectores.

Recoméndase tamén aos asistentes que conduzan con prudencia nos desprazamentos dun tramo a outro, que deixen libres as escapatorias, que eviten estacionar dentro dos tramos cronometrados e que non camiñen polas cunetas nin cruces de calzada durante o desenvolvemento da proba, senón que deben utilizar camiños paralelos ou agardar ao remate da mesma.

ASISTENTES

Na reunión desta mañá participaron o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; a directora adxunta de carreira da Escudería Miño, Guiomar Íñiguez; e o xefe de seguridade da mesma, Luis Lorenzo; o xefe do servizo de Emerxencias da Xunta, Daniel Díaz; ademais de representantes da Xefatura provincial de Tráfico; a Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Nacional, a Policía Local de Lugo e Protección Civil. Asistiron tamén os alcaldes de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao; o de Begonte, José Ulla; e o de Pol, Lino Rodríguez.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo