O CentrAD aumenta a súa colección coas pezas feitas nos Obradoiros de instrumentos

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, clausurou esta mañá no Centro de Artesanía e Deseño (CentrAD) o último Obradoiro de instrumentos medievais. Este ultimo obradoiro, no que se reproduciu unha zanfoña, foi dirixido polo luthier Antonio Franco. Trátase dunha iniciativa pioneira, pois por primeira vez en España unha administración pública ofreceu a profesionais do sector formación gratuíta da man de reputados luthiers sobre a construción de instrumentos medievais adaptados ao século XXI. É dicir, non se realizaron réplicas, senón innovadoras e punteiras pezas, facilmente tocables por músicos contemporáneos.

Mediante este proxecto realizáronse cinco instrumentos medievais que aparecen reflectidos en esculturas en pedra de emblemáticos monumentos como Pórtico da Gloria, a Catedral de Lugo ou o Pazo de Xelmírez. Asi, fixéronse unha rota, 2 gigas, 1 viola, e por último, unha zanfoña. Ademais, a Deputación prestou estes instrumentos a profesionais como Carlos Núñez para os seus concertos, e a institucións para mostras como a do Pergamiño Vindel, que se exhibiu en Vigo, e que contou con 3 destas pezas do CentrAD.

Campos Conde avanzou que “o arquivo de instrumentos musicais da Deputación conta cunha nova peza coa adquisición dun salterio esta mesma semana, que contribúe a engrandecer a Sala de Instrumentos, da que podemos estar moi orgullosos, pois é a colección máis importante de Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII”. Por último, O Presidente convidou “a todos os lucenses a visitar as nosas salas, os nosos museos, a desfrutar destas novas pezas, e, ao mesmo tempo, a descubrir o traballo dos nosos músicos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com